6 abr. 2010

Nenos sen galego

Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe:

Un dos intereses ou desexos máis reais, nunca recoñecidos ou confesados, que aniñan, aquí e agora, no foro íntimo dos enterradores do galego, é que os seus nenos -no fondo, para eles, os nenos e nenas de Galicia en xeral- non se contaminen cunha lingua que asocian a un pasado rural e pailán, a espazos e tempos para estes "patufos desleigados" (C.E F.) a esquecer e a superar por vía do máis simple dos desprezos. Por iso mesmo as organizacións galegófobas saudaron con certo entusiasmo o novo decreto lingüístico presentado pola Xunta: "Avanza na dirección adecuada" -dixeron os oráculos escuros do autoodio. Porque para este sector ou segmento de cidadáns galegos, claramente en contra do futuro do idioma propio do país, que se suprima ou se minimice até a caricatura pedagóxica a presenza do galego no ensino infantil é un triunfo, un éxito máis (outra batalla gañada) no camiño de extirpar do universo de Galicia a lingua que eles consideran inadecuada, inútil, insignificante. Se os nenos galegos, dende os 0 anos aos 6 non aprenden galego integramente, xunto co castelán, con naturalidade e normalidade, o idioma que vai de Martín Códax a Antón Avilés desaparecerá. Moi simple: morren galegofalantes naturais todos os días e unha ampla maioría de nenos de agora (o futuro) xa nunca serán falantes activos e libres no idioma propio do país, condenado, seguindo plans claramente etnocidas, á unha morte lenta. Ou xa non tan lenta. No ano 2007 o Consello Escolar de Galicia xa alertaba sobre a morte aos poucos do galego no ensino: a súa presenza "é deficitaria na educación infantil e na primaria, especialmente no primeiro ciclo, pero o peor é que se confirma unha clara desgaleguización no tránsito da familia á escola". Así as cousas, todo está cantado. Milleiros e milleiros de nenos, se o novo decreto lingüístico vai adiante, non aprenderán galego nesa idade fulcral, por razóns puramente cognitivas e sensitivas, para que as palabras pasen a residir na casa do ser. E así non hai futuro. Só a desaparición.

No hay comentarios:

Publicar un comentario