Asociacións, organizacións, sindicatos e partidos políticos -todos agás o PP, que fala de "sensatez"- cualifican de "fonte de conflitos" o borrador sobre o Decreto de galego no ensino, presentado o mércores pasado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. A Mesa pola Normalización Lingüística fará hoxe pública a súa valoración pero xa anunciou que considera o texto como a "maior agresión contra o galego en toda a democracia".
As maiores obxeccións veñen desde os sectores pedagóxicos e, mesmo, desde Nova Escola Galega chégase a cuestionar a legalidade da proposta de Feijóo, por poñer "ao mesmo nivel a lingua propia -minorizada-, outra lingua oficial e unha lingua estranxeira, sen que existan condicións reais nin razóns legais para que isto sexa posible".
Os integrantes deste movemento de renovación pedagóxica afirman, nun comunicado, que o texto non lles dá cumprimento "ás leis educativas sobre competencia lingüística por parte do sistema educativo" e afirman que "o tratamento aparentemente igualitario" de "realidades lingüísticas moi desiguais" provocará "un maior retroceso para a lingua galega". O decreto "contravén o sentido da necesaria protección" para a lingua propia incluída no Estatuto de Autonomía e "pon en perigo a planificación lingüística" nos centros escolares.
Desde a confederación de apas de colexios públicos, consideran que o borrador pon os pais "nunha liorta" ao levar ás aulas "unha guerra que nunca houbo", algo no que coincide o sindicato STEG: "O borrador é un erro que afondará no fracaso escolar". Ademais, engaden, sinala unha "irresponsabilidade" por parte de Feijóo ao "inhibirse de lexislar". Para a CIG-Ensino, trátase dunha vontade do PP para "exterminar" o galego como lingua de uso e de dereitos.
Pero as críticas non proveñen só do sector pedagóxico. Tamén as editoriais se ven gravemente afectadas polo texto. O director de Xerais, Manuel Bragado, membro tamén da plataforma Galego Patrimonio da Humanidade, asegura que se introduce "un sistema moi complexo que vai encarecer aínda máis os procesos de edición". Por se non lles chegase co impacto do sistema de gratuidade "que padecemos aínda", engade, "e polos cambios da incorpración ao mundo dixital", agora chégalles un decreto que "reduce a presenza do galego no ensino e, por tanto, as nosas posibilidades de actividade". En moitos centros, vaticina Bragado, "o galego vai quedar reducido á plástica ou á música, onde non se traballa a comprensión da textualidade e iso para nós será letal". Semellaría, subliña, "que habería que ter edicións bilingües dos libros de texto, é para nós é impensable unha produción así.
O director de Xerais, que recoñece que lle caeron as bágoas cando leu o texto, critica tamén que lles transfira aos centros "un conflito que o presidente non sabe resolver". Trátase dun "desleixo de resposabilidades, dun enorme paso atrás desde o punto educativo". Ademais, apunta que se está rebentando os equipos de normalización -denominados a partir de agora equipos de dinamización- e se comete unha "falta absoluta de respecto ao profesorado", ao que se lle retira "de forma unilateral" boa parte da autoridade que debe ter.
Porén, ao seu ver, unha das cuestións "máis desacougantes" é que se "desbota calquera tipo de consenso" cun decreto que, por engádega, "fai retroceder o galego como única lingua da administración educativa, un ámbito no que xa estaba consolidada. É unha especie de pesadelo. Agora haberá que facer todo o papeleo, as matrículas ou as actas nas dúas linguas".
Ningún comentario:
Publicar un comentario