16 de xan. de 2010

Notas sobre o argumentario do Partido Popular (I)

Análise da Plataforma ProLingua sobre o argumentario do Partido Popular a favor do borrador de decreto.

Antes de entrar nos puntos tratados neste argumentario, é necesario incidir en dúas liñas xerais que abranguen o conxunto do texto, nun intento de deturpar a verdade das cousas. Analicemos a primeira destas liñas:

1ª Son os extremistas os que se opoñen ao borrador do novo Decreto, co cal se deduce que este borrador está centrado e responde aos intereses da maioría.

Ante as numerosas reaccións contrarias ao borrador de decreto por parte da cidadanía, preténdese espallar a idea de que esas reacción están movidas por posturas «extremistas». Pero resulta que o que estamos a defender estes «extremistas» son os consensos acadados arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) do ano 2004, así o dicimos explicitamente no manifesto fundacional de ProLingua. Un PXNL que foi promovido polo goberno que presidía Fraga Iribarne (con Núñez Feijoo como vicepresidente), que se elaborou baixo a responsabilidade dese mesmo goberno e que, finalmente, se aprobou por unanimidade no Parlamento de Galicia (Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 de 07.09.2004).

Non está de máis lembrar que o PXNL foi o produto final de algo máis de dous anos de traballo, onde unha nómina moi grande de persoas e, sobre todo, de moi diferente formación, sensibilidade e ideoloxía política, a partir da común asunción de renuncias necesarias que impedirían este acordo, foron quen de darnos unha lección de respecto mutuo. Por iso resulta agora inaceptábel o que se traduce nunha falta de respecto, e mesmo de desprezo, polo seu traballo, tempo e esforzo, especialmente por parte de quen tivo alta responsabilidade nese proceso e agora ten asumido responsabilidade de goberno do país.

A aplicación do PXNL é o que pedimos as persoas que nos opoñemos a este borrador de decreto. Se nós somos «extremistas», daquela tamén o eran no 2004 Fraga Iribarne, Núñez Feijoo e o resto do goberno e dos parlamentarios do PP. Alguén pode crer que hai seis anos eran todos perigosos «extremistas»? Fraga extremista? Corina Porro extremista? Carlos Negreira extremista? Núñez Feijoo extremista? Non será máis ben que, por intereses electorais, por unha presada de votos, Núñez Feijoo e compañía se desprazaron ao extremo ocupado polos negacionistas, eses que desexan que se elimine a presenza social do galego? Está claro quen rompe os consensos, está claro quen se sitúan nun extremo, tentando arrastrar ás súas posicións á sociedade galega, con mentiras e coa axuda dalgúns medios de comunicación ben pagados.

Falar de extremismo co ánimo de dar a sensación (falsa) de equidistancia, só tería sentido de referise aos dous monolingüismos como extremos. Pois ben, está claramente identificado o extremismo do monolingüismo en castelán, o que defenden os negacionistas, cos que se manifestaron a señora Porro e os señores Rueda, Negreira, Erias… xunto con outros destacados membros do PP. Mais nós non estamos a defender o monolingüismo en galego cando recoñecemos a oficialidade da outra lingua, que falamos e falan os nosos fillos. Só reclamamos a dobre competencia lingüística que está presente como obxectivo nas nosas leis. Só queremos que se cumpran a Constitución, o Estatuto, a Lei de normalización lingüística e se desenvolva o Plan Xeral de Normalizacion da Lingua Galega.

Consecuentemente, cando o PP se refira en asuntos de lingua galega a extremismos que se dirixa aos seus militantes que se manifestaron en Compostela xunto con Falange Española ou enchen determinados foros de Internet con insultos continuados ao galego e ás persoas galegofalantes.

Imos agora coa segunda liña xeral:

2ª O BNG apropiouse do idioma galego e por iso se opón ao novo decreto, porque pensa que o galego é seu.

Unha vez máis, con desprezo á verdade, preténdese presentar a defensa da lingua como algo exclusivo do nacionalismo (en concreto, como algo do BNG e organizacións afíns), que entraría dentro do «extremismo» antes comentado.

É obvio que as organizacións nacionalistas defenderon, ao longo da historia, a lingua galega. Desde a fundación das Irmandades da Fala en 1917, elas foron o motor da reivindicación social da lingua. Mais nunca houbo unha vontade de apropiación. Ao revés, unha constante na historia do nacionalismo é a ambición de conseguir que outras organizacións e ideoloxías tamén fagan e consideren seu o galego, e se impliquen na súa promoción.

Porque o malo desta mentira do PP é que non casa nada coa realidade do país. A lingua galega, que ten máis de mil anos de antigüidade, non é propiedade de ningún partido ou grupo social. A lingua galega é de todas as persoas que vivimos en Galicia (e nas comarcas estremeiras), e tamén de todas as que tiveron que marchar fóra na procura dunha vida mellor. De todas as persoas, voten a quen voten. «Se aínda somos galegos, é por obra e gracia do idioma», dicía Castelao. Por iso, no rexeitamento do borrador do decreto e na defensa da lingua, hai persoas e institucións de todas as cores políticas. De moitísimas persoas sen afiliación partidaria, e tamén de membros das organizacións e partidos que defenden o consenso do PXNL. De todas, incluído ese amplo sector do PP que fala galego con naturalidade e que non desexa ser un criado dos amos de Madrid, que non desexa que lle sinalen desde Madrid o que ten que facer ou non.

Ningún comentario:

Publicar un comentario