Neste portal, construído cos últimos avances tecnolóxicos no tratamento da información cartográfica, podemos realizar diferentes accións relacionadas coa diversidade lingüística: buscar calquera lingua do mundo (tanto coa escolla do seu nome coma coa selección dunha área xeográfica), ver as distintas familias lingüísticas do mundo presentadas dun xeito gráfico e intuitivo, facer un seguimento do proceso de romanización das linguas ou descubrir que linguas se falan en cada estado da Unión Europea, entre outras moitas actividades.
Ademais, dentro das múltiples informacións que podemos atopar, temos a posibilidade de escoller entre linguas territoriais (aquelas que se falan en determinado territorio) e linguas oficiais (aquelas que teñen a consideración e o estatus de oficialidade en determinado estado ou rexión, é dicir, unha consideración legal).
Por exemplo, das 87 linguas territoriais que se falan en Europa, só 53 son linguas oficiais.
Ou que mentres que o galego ten 2.500.000 falantes, unha das linguas oficiais de Luxemburgo, o luxemburgués (que ten só 350.000 falantes) comparte oficialidade co alemán e o francés nese pequeno territorio pouco maior que a metade da provincia de Pontevedra.
En definitiva, as linguas viven se os seus falantes así o queren.
Ningún comentario:
Publicar un comentario