28 feb. 2010

No pecado está a penitencia

Escribe Pilar García Negro no Xornal de Galicia:

Grande escándalo provocaron as respostas de Rosa Díaz, cuxo escano pagamos todos –galegos incluídos– ás perguntas de Iñaki Gabilondo sobre a definición que a ela merecían personaxes da vida política española como Zapatero ou Raxoi (mal que lles pese, “Rajoy” e “Feijoó” son Raxoi e Feixoo, en correcta ortografía e ortofonía, que, por suposto, se poden vulnerar, para escreber, por exemplo, se alguén se animar, “Madriz” ou “Billabiciosa”...). Eu mesma falei, en artigo recente (edición dixital de Terra e Tempo), de racismo consentido, pois non só reparei na brutalidade da utilización do xentilicio por parte desta extremista española, senón tamén no nulo custo que lle supuxo, quer dicer, o entrevistador continuou coa restra das perguntas e non fixo o menor comentario sobre o asunto, do cal podemos concluír que tais mencións racistas do noso xentilicio poden circular impunemente. Por se fose pouco, após comentado ad nauseam este seu proceder, aínda desfrutou dunha cuota suplementar de publicidade, cando non só non se retractou senón que volveu á carga, acusándonos aos galegos de falta de sentido do humor.

E, efectivamente, é unha hipótese a considerar, sobre todo pola súa reversibilidade, en virtude da cal poderíamos nós, galegos, chamar á señora Díaz, con gran sentido do humor, iso si, “española, con perdón”, españolista, no sentido máis furibundo do termo, extrema direita, no sentido non pexorativo, senón denotativo, etc. Mais esta ponta do icebergue que representan as súas declaracións racistas en bruto non debe ocultar todo o resto invisíbel da xenofobia anti-galega. No mesmo día en que aquelas se facían públicas, no programa ‘59 segundos’ da TVE (tamén pagada por nós, galegos), o director de ABC, para zafrañar, no seu papel de turiferario do PP, ao ministro de Traballo, non ten mellor ocorrencia que dicer que, lonxe de actuar como catalán ou como extremeño, fixera unha “gallegada”. Así, cun par, como diría a rotina machista... Ninguén dos presentes llo comentou ou reprochou, ninguén se aprestou a protestar ou, simplesmente, a perguntar: ¿en que consiste exactamente unha “gallegada”?

Digo –sen a menor intención, obviamente, de absolver semellantes condutas– que no pecado está a penitencia, porque, que eu saiba, cando o presidente da Xunta de Galiza foi alcumado “gallego” pola mesma lercha españolista, non houbo resposta á altura da intención insultante ou descualificadora. Cando na radio e na televisión públicas se fala do “Goberno”, así, sen adxectivos, só para nomear o idem español, ¿que concepción se agacha da Xunta? ¿Por que non se fala de “Goberno galego”?

Así que menos aspaventos tartufescos e máis naturalidade e dignidade na exhibición da nosa identidade. Os que a vituperan e utilizan racistamente, si que teñen claro, para mal, quen somos e como podemos ser vapuleados, moito máis claro que os pactistas ou híbridos: os que declaran ser galegos, españois, europeus... e aínda poderían engadir, como non, bípedos humanos. Madia leva!


No hay comentarios:

Publicar un comentario