16 mar. 2010

Aldraxe xenocida


Escribe Xabier Pérez:

O decreto presentado este sábado polo Goberno galego de Núñez Feijóo verifica ás claras e de xeito incontestábel que a única pretensión que o inspira é a de reducir inda máis a exigua presenza do idioma propio do noso país, o galego, no ensino.

A cortina de fume do inglés, e do impostado trilingüismo, esvaeuse deixando en evidencia cal era a intencionalidade real deste grave ataque en contra da lingua galega, que coloca o noso idioma nunha situación preautonómica, de innegábel desprotección.

A norma presentada vulnera o Estatuto de Galiza e vai contra de todos os consensos asinados en materia lingüística. Núñez Feijóo colócase en posicións dun españolismo tan radical e ultra que mesmo supera no seu carácter antigalego á inacción dos dezaseis anos de fraguismo. Fica demostrado que o PP de Galiza se converteu nunha férrea sucursal do españolismo máis rancio, da ala ultraliberal e filofascista do Partido Popular no eido de Estado -que ten na FAES de Aznar o seu think tank preferente-.

O decretazo non só non vai axudar a corrixir a desigual situación do galego fronte ao castelán (verificábel de xeito empírico en practicamente calquera lugar do noso país, especialmente nas urbes), senón que ao contrario no mellor dos casos a cronificará ou no peor -e máis probábel- suporá un elemento acrecentador do retroceso en número de falantes do galego. As nenas e nenos non terán contacto co idioma de seu até os 6 anos, e non terán garantido que ao remataren cada etapa educativa teñan destrezas no uso da súa lingua nai.

O galego non é unha lingua de museo, nin un idioma para a liturxia institucional. É a lingua proletaria do noso pobo, como a cualificaría con acerto Celso Emilio. É alicerce fulcral da nosa identidade como comunidade humana, como nación. Non é un idioma complementar, é o noso idioma. A lingua que con valentía volveron empregar os autores do rexurdimento, coa egrexia Rosalía de Castro á cabeza, após os Séculos Escuros aos que nos forzaron os devanceiros dos acomplexados e colonizados de hoxe.

O PP pretende perpetrar un xenocidio identitario e cultural contra da nación galega. Cun cinismo superlativo, agochan tras a bandeira da liberdade o maior ataque contra do noso idioma dos últimos 30 anos. Non podemos permitir esta aldraxe xenocida. Con mobilización temos que seguir a demostrarlle que o seu españolismo radical ten todo un pobo enfronte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario