18 mar. 2010

Contra o galego, cordialmente

Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe:

Por moito que se esforce o actual Goberno da Xunta e o Partido Popular -coa excepción notábel dalgún dos seus membros- en pregoar e aparentar cordialidade en relación coa lingua galega, a realidade, a pura realidade, encárgase de demostrar o contrario. Se un vai ao dicionario atopará que o termo cordial -concerniente ou relativo ao corazón- ten como formas sinónimas afectuoso, tenro, sensíbel, sincero, benévolo, cariñoso, acendrado, fino e mesmo puro, e aínda se lle pode engadir a connotación de non finxido ou non simulado. ¿Pode ser cordial unha actitude de política lingüística que, como mínimo, é desprotectora do idioma galego? ¿Pode alguén pensar que as teses de certos colectivos galegófobos, apoiados por importantes cargos políticos do Goberno da Xunta e do PP, son cordiais? A cordialidade da que tanto fala e fai gala o presidente Feijóo -personalidade política sumamente contraditoria- non é tal para o Consello Escolar de Galicia, o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega, por citarmos tres entidades de máximo prestixio cultural e científico do noso país. ¿Que tipo de cordialidade incorpora un texto como o do anteproxecto do Decreto de Plurilingüismo, que é rexeitado con toda claridade por todos os sindicatos do ensino e polas máis importantes asociacións culturais e pedagóxicas? A todos aqueles que din practicar a cordialidade en relación co idioma propio de Galicia, cando en realidade están en contra, como se demostra unha e outra vez, nótaselles a impostura ás leguas e a súa capacidade para finxiren un estado cordial resulta na práctica moi limitada. Xa advertía Pascal que "coñecemos a verdade, non só pola razón, senón tamén polo corazón"; e o corazón, órgano cordial por excelencia, dinos tamén que o presidente Feijóo e os desprotectores do galego non son precisamente seguidores dunha ethica cordis en relación co noso idioma. Detrás de tanta exhibición de cordialidade só hai, como ensinan os feitos, unha fría razón política para o finximento e a simulación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario