26 mar. 2010

El orinal de España

Xurxo Martínez en Vieiros:

Cando un filisteo (na súa concepción risquiá) da Xunta se lexitima afirmando que conta co apoio da “maioría silenciosa” éntrase nun discurso arrepiantemente perigoso. Concibila como que son máis os que non saen á rúa para protestar contra a privatización da sanidade pública ou o decreto do galego se achega a xordeiras propia das ditaduras democráticas: eu fun elixido, eu mando. Unha lóxica que fende no globo da estupidez do estúpido.

Dinse defensores da nosa cultura. Os mesmos que consideran o galego inhabilitado para impartir aulas de matemáticas ou física. Os mesmos ignorantes que nos aldraxan coa toponimia e se chaman estúpidos representando á Consellaría de Cultura. Os mesmos que din ter a empresa en Corujo (que é Corujo?) e o deseño, fabricación e distribución en Portugal, sendo Conselleiro de Economía. Os mesmos que traducen Castelao e logo choran, acomplexados e paletos, porque traballaron moito para saír das aldeas (aldeas entendidas como atraso, zocas, vacas, arados...) e logo preguntan: por que as vacas teñen nomes femininos? Estes son os gobernantes, os que deben defender os intereses de Galiza, os que deben pular pola nosa economía, os que deben pór en prácticas as competencias estatutarias, os que deben... ou se cadra teñen dereito pero non deber, comprendedes? Como o galego, como o galego.

A maioría silenciosa. Quen son? Onde están? Son eu cando estando nunha aldea do Brollón non fun á concentración do sábado en Compostela contra o decreto? Son do PP porque non estiven alí? Son esa maioría silenciosa? É tan irracional e ilóxico que merecen non volver á gardería senón a unha galescola. Imposición! Berran. Imposición é escoitar decote que son un aldeán ou nacionalista porque falo galego na cidade que me viu nacer, que moitos galegofalantes muden de idioma cando o médeco (si, médeco) porque disque é máis fino ou cando acoden ao xulgado, ao avogado, á empresa ou a unha conferencia sobre física nuclear. Discriminación positiva, normalización... iso non importa. Só importa garantir que os pais actúen contra a sacra constitución española por lei do Partido Popular. Nin un malabarista daría tantos pinchacarneiros. Ai, dijo pinchacarneros, que simpático, verdad? Como son los gallegos...

Pregunto aos responsábeis da Xunta: discutides a Rosalía cando ela empregou o galego para falar de sentimentos, metaliteratura ou filosofía cando a maioría silenciosa apoiaba a aqueles que a aldraxaban dicindo que somos lingua só de costumismo e paisaxismo? Discutides a existencia do Estatuto cando aquela maioría silenciosa apoiaba aos defensores do “regionalismo sano y bien entendido” mallando decote nos galeguistas que defendían o Estatuto dende 1918? Abofé que estades con eles porque sodes esa liñaxe, esa estirpe odiosa e noxenta de infravaloración, esa caste filistea que considera á nosa terra unha estremeira que para ser algo debe pasar pola meseta.

Este goberno incompetente, analfabeto, destrutivo e retrógrado que ten que defender os intereses de Galiza e promove co seu exemplo a deslocalización, o castelán en actos públicos, a deturpación dos topónimos, o abaratamento do despedimento, a privatización da sanidade, o uso ilexítimo das contas públicas, o enchufismo na administración, o transfuguismo e toda outra restra de principios contrarios a calquera ética política, ideolóxica ou moral; se esta é a defensa que fan da nosa terra, entón seremos o que os poetas españois do XIX difundiron noutrora: tanto chove aquí que Galiza é “el orinal de España”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario