19 mar. 2010

A lingua: unha cuestión de números e gramática

Artigo de Pedro Rielo en Galicia Hoxe:

¿A onde se quere levar o galego? É unha pregunta nada retórica que se tivesemos unha leve idea de onde se sitúa o comprimo para con ela a súa consideración aforraría moitas horas en balde. Pouco axuda guindar balóns fóra como ten feito o conselleiro de Educación mirando os socialistas: é o que vostedes fan en Madrid. Ben, vale, pode ser, esas son as cartas, o reproche co dedo acusador para xustificarse. O que acontece é que isto, refírome a Galicia, non debería ser sucursal de nada ou colonia na nomenclatura marxista. ¿Queren unha lingua residual, relacionada con certos saberes clásicos? Unha lingua morta para que tome o aire nos días de alborada e que acompañe a un potente aturuxo. Porque se non non se entende cales son os criterios pedagóxicos que impiden explicar as ecuacións, as fórmulas químicas, os compoñentes do nitróxeno en galego e, en troques, si o hábitat das salamántigas, dos paspallás, das carqueixas ou dos caramuxos. Cuestión de números, de contas que parten dunha visión parcial.

Algo clarexa este decreto se vai convencendo a Galicia Monolingüe (o de bilingüe é un apelativo que se contradí coas súas intencións) e se pasa a ser o manual de estilo do goberno. O debate sobre o estado da Autonomía deu conta do caos lingüístico e da pobreza de expresión nun totum revolutum. O portavoz do PPdeG proclamou que "nunca tanto galego se falou na rúa" co que estaba reclamando unha recua de sonotones no seu partido. O líder dos socialistas acusaba a "cordialidade lingüística" de Feijóo situándoo na pole position dos presidentes que pasarán á historia por "haberlle feito máis dano á lingua en toda a democracia". Non está mal como exemplo dun galego contaminado, proba suficiente de que fai falla moita ensinanza. Son moitos anos de desigualdade, de falar ou tentar facelo en público, pero preferindo que non entre na casa, non vaia ser que se perda certa compostura. Para corrixir erros, máis dun debería ser castigado a escribir no encerado en plan Bart Simpson unhas cantas veces: en galego non existen os tempos compostos, non se deben empregar castelanismos, cómpre ter coidado cos pronomes, coas terminacións que sempre están amolando? Está claro que os nenos precisan, non máis galego, senón galego para evitar esnaquizar a nosa alfaia verbal. Deberíanse repartir gramáticas, mesmo compartilas cos conselleiros que teñen o costume de expresarse publicamente e de xeito reiterado en castelán, en contra do que reclama o Estatuto de Autonomía, aínda que para algúns debe ser un texto menor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario