23 mar. 2010

O Anxo Exterminador e o Xan das Bolas

Marga Romero en A Nosa Terra:

Un meu amigo alemán deses que dominan varias linguas, entre elas o galego, a primeira da Península que aprendeu e que lle abriu as portas do portugués, do español e do catalán, que lle axudaron co italiano. Pois este amigo, que segue os vieiros que sobre Galiza chegan pola rede, dime perplexo, diante das manobras dun sociolingüista aducido e dos, por moito que lle pesen, disques dun experto diplomático: isto semella unha historia de Monty Python. Algo diso hai. Os dous un pouquiño coma Brian, merliños brancos, que reciben os presentes dos Reis Magos, nunha simple confusión ou nunha falsa ilusión. Quen pensaba que podía ser peor? O certo é que mentres agardamos a súa crucifixión, os xerentes da empresa privatizada “Galicia, buey de paja”, rematan coa lingua, coa cultura, coa sanidade pública con todo. Porque o Anxo Exterminador pasou de profesor de sociolingüística, coma proban os seus apuntamentos que se poden conseguir na Universidade de Vigo, a eliminador da palabra “normalización” e colaborador dos extraterrestres. Non aprendeu nada en Catalunya. Porque o diplomático demostra que hai xente que vai polo mundo para usar maleta e di e non sabe o que di, porque non sabe onde está Sobrado dos Monxes nin escoller colaboradores que atinen nos discursos, porque no fondo non é máis ca un personaxe de Xan das Bolas. O Exterminador mente con premeditación e gustaríalle queimar os seus apuntamentos. O novo Xan das Bolas mente coma un neno cachado nas patacas na Quinta Avenida e pide perdón por mentir sen intención. Hai que botalos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario