15 mar. 2010

O decreto que se empezou polo tellado

Lucía L. Bayo no Xornal de Galicia:

Despois de analizar o novo decreto do galego no ensino, non se pode esperar que o conflito arredor da lingua, xerado polo propio PP durante a pasada campaña electoral, acabase. Co novo texto a Xunta recúa con respecto ás súas intencións iniciais, pero os parámetros que establece non son favorables. En primeiro lugar, por que nun Estado de Dereito as normas responden aos principios de transparencia, predecibilidade e xeneralidade, polo que non cabe que a opinión dos pais sexa vinculante en cuestións que deben establecer os poderes do Estado para garantir un servizo, nesta caso a Educación, á totalidade da poboación.

O PP chegou á Xunta coas promesas electorais na man disposto a cumprilas, pero non se decatou de que nunha democracia cando se goberna é para todos, non só para os que votaron a un determinado partido. O presidente Feijóo asegurou na súa investidura que gobernaría “para todos os galegos”, mais non o levou á practica e agora atópase acurralado en varios frontes por gobernar pensando só en grupos minoritarios. E isto ocórrelle en temas trascendentais para o país, como é a regulación do uso da “lingua propia de Galicia” no ensino.

O problema radica en que se abordou a cuestión lingüística de xeito unilateral. O conselleiro Vázquez insistiu na rolda de prensa en que se tiveron en conta todas as opinións para redactar o documento. Pero esta non é a maneira de procecer en asuntos de país coma o da lingua. Non só hai que ter en conta as opinións, senón tamén o traballo conxunto con entes capacitados para facer valoracións e aportacións. En Galicia contamos con recoñecidas institucións como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, as tres universiades e numerosas asociacións de profesionais do ensino e da lingua que poderían ter aportado moito no borrador do decreto, sobre todo os propios docentes. A súa voz non só debera ser escoitada, senón que tamén podería ser vinculante; do mesmo xeito, que a das forzas políticas da oposición, que representan a unha gran parte da poboación. De feito, a máis votos e persoas.

Foi o PP o que rompeu o consenso establecido na Lei de Normalización Lingüística de 1983 e no Plano Xeral de 2004, aprobados por unanimidade no Parlamento de Galicia. A solución pasa por volver a este punto de consenso e a partir de aí buscar alternativas válidas para todos. Doutro xeito seguirán as protestas e tamén o descontento en amplos sectores da sociedade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario