22 mar. 2010

Robert Duif: “Díxenlle a Joan Baez que era o momento ideal para volver cantar en galego”

A nova no Xornal:

Robert Duif axudou a cantora norteamericana a memorizar o poema de Rosalía de Castro que interpretou en Vigo o pasado 5 de marzo. Xa o fixera en 1983, no primeiro recital de Joan Baez en Galicia

“Xúroche que eu non tiven nada que ver, foi cousa súa”. O conselleiro de Cultura, escoltado por Corina Porro, parecía tan sorprendido coma os demais polo que acababa de presenciar. Foi o pasado 5 de marzo no teatro Caixanova, en Vigo. Tras interpretar ‘Suzanne’, de Leonard Cohen, os músicos deixaron soa a Joan Baez no centro do escenario coa súa guitarra, un atril e mil devotos roendo en silencio. Ventábase algo especial e algo especial aconteceu. A norteamericana rompeu a cantar ‘Adiós ríos, adiós fontes’, o poema de Rosalía, e moitas outras voces a seguiron dende o patio de butacas até o palco máis inhóspito do teatro. Non tería algo que ver a Xunta, sendo o concerto unha iniciativa do Xacobeo? Talvez unha chiscadela, un xesto dun Goberno acusado de ser hostil ao galego? Roberto Varela desmentiuno decontado, e dicía a verdade. A culpa desta vez non fora súa. O culpábel chámase Robert Duif.

Xa o advertira un dos que traballaban na produción do concerto mentres vixiaba o autobús da xira, aparcado nunha rúa desfigurada polas obras que os vigueses teiman en chamar Policarpo Sanz: “Creo que ten un amigo americano que vive aquí, porque está informadísima de todo o que está a pasar co galego. Mesmo preguntou quen era quen antes de recibir as autoridades no camerino”. O testemuño era certo, non preciso. O amigo americano existe, mais non é tal. Americano si, de Nova York, xeira de 1950, pero Duif non é exactamente amigo. “Ex intérprete, se acaso”.

Joan Baez e este neoiorquino de apelido holandés –significa “pomba”–, profesor asociado na Universidade de Vigo e catedrático da Escola Oficial de Idiomas, coñecéronse hai case vinte e sete anos. Duif estabelecérase en Galicia en 1978, onde traballaba como intérprete de maneira esporádica, e a matriarca da canción protesta visitaba por primeira vez o país. O alcalde, Manoel Soto, entón no PSOE, contratáraos aos dous:­ a ela, para cantar no pavillón das Travesas na xornada de reflexión das municipais de 1983, un 7 de maio; a el, para que non se despegase da norteamericana durante os dous días que ía estar aloxada na cidade.

Duif debía ocuparse dos actos públicos e dos xornalistas, máis interesados no caché da artista ou no mercedes que pedira para moverse por Vigo ca nas circunstancias políticas que arrodeaban o concerto. Do repertorio, a Robert ninguén lle dixera nada. “Foi ela quen quixo cantar algo en galego, eu limiteime a deixarlle o disco de Amancio Prada”. Joan Baez escoitou Rosalía de Castro, o traballo que o leonés lle dedicou á poeta en 1975, e acabou escollendo dúas cancións para cantar nas Travesas: ‘Adiós ríos, adiós fontes’ e outra que o profesor xa non recorda.

O seu compatriota axudouna a entender os textos e pronunciar os ditongos máis espiñentos. Explicoulle quen era Rosalía e por que escribira nese galego xa “antigo” na súa época. “Foi doado, porque ela estaba familizarizada co castelán e o portugués. De feito, aprendeuno todo nunha noite”. Duif empezou o traballo pero non o puido acabar. O último repaso deuno a cantante no seu hotel axudado pola muller do intérprete, “que é galega e canta moito mellor”. A el tocáballe termar do fillo, un cativo de apenas seis meses, e da súa avoa, que cruzara o Atlán­tico para coñecer a criatura.

Durante vinte e sete anos, Robert Duif non volveu falar con Joan Baez, agás a través dun alumno que viaxou a California. Até o pasado mes de febreiro. “Souben que ía volver por aquí e tratei de contactar con ela a través da súa xente. Contestoume cun correo dende Austria: quería verme. Cando chegou a Vigo, comenteille que era o momento ideal para cantar de novo en galego. Expliqueille cal é a situación actual, o que está a pasar coa lingua. De feito, esa foi a miña única motivación. Non teño fotos nin discos asinados. Non son nada mitómano”.

Joan Baez aceptou “encantada” o convite, pero quería unha canción con menos texto que ‘Adiós ríos, adiós fontes’, máis doada de recordar. Ten 69 anos e conserva mellor a voz que a memoria. En Vigo, de feito, o público tivo que botarlle unha man coa letra de ‘La llorona’. Primeiro pensaron en traducir ‘No nos moverán’, pero era “problemático”, e ‘Negra sombra’, unha das adaptacións de Rosalía que máis lle gustan á norteamericana, tanto na versión de Amancio Prada coma na de Luz Casal, resultaba “demasiado lenta” para o repertorio. Ao final, optaron por repasar de novo a mesma canción que cantara nas Travesas vinte e sete anos atrás.

“DEDICADA A CORINA PORRO"

“Pensei que non se ía atrever a cantala, pero ao final caeu”, confesa Duif satisfeito. “Para min, esa canción estaba dedicada a persoas como Corina Porro, a ex alcaldesa de Vigo. A cultura galega é coma as demais, non hai por que tratala con desprezo”. Joan Baez, polo que conta o seu ex intérprete –agora cómplice–, amosouse especialmente comprensiva. Talvez tivese algo que ver a súa escasa confianza nos políticos do Partido Popular, que expresou antes de atendelos nos camerinos. “É pacifista e non esquece que Aznar nos meteu na guerra de Iraq”.

A sensibilidade que amosou con Rosalía repítese alí onde Joan Baez ten un concerto. Combina temas de Cohen ou Dylan con cancións tiradas do seu repertorio dos anos sesenta, como ‘El preso número nueve’ ou ‘Gracias a la vida’, pero sempre procura facerlle un xesto, ou varios, á cultura que a acolle. En Vigo saudou cun “boas noites”, cantou a Rosalía e despediuse repartindo “bicos” para o público que ateigaba o teatro. En Portugal, seguinte parada na xira, cantou ‘Grândola, Vila Morena’, de José Afonso, por primeira vez na súa vida. O público quedou impresionado. Non sabían que tivese unha canción tan importante para o país no seu repertorio. Non a tiña. Aprendeulla uns días antes o fillo dun neoiorquino e unha galega que ten apelido holandés.


Este é o momento:


No hay comentarios:

Publicar un comentario