22 de abr. de 2010

Lingua galega: Evidencias, verdades, mistificacións

Pilar García Negro en Terra e Tempo:

Non é cousa nova: a propria diglosia produce e fabrica ideoloxía pro-diglósica. O proprio conflito lingüístico, pola súa mesma anomalía, turbación e incomodidade, vai xerar mecanismos de adaptación, conformismo e, inclusive, sofisticación, para negar a evidencia do dominio, da superordenación da lingua A e da subordinación da lingua B, no noso caso, a oficial do Estado, o español, e o galego, respectivamente. Isto é proprio da Galiza e, igualmente, de todos aqueles contextos en que se deron ou dan condicións semellantes. Recentemente, os meios de comunicación deron a coñecer resultados dunha enquisa de condicións de vida das familias galegas, elaborada polo Instituto Galego de Estatística e onde se incluíu a variábel idioma. As cifras e porcentaxes xa se sabe que teñen un aquel de fetichista ou de talismánico e, daquela, saliéntase que a porcentaxe de galego-falantes habituais descendeu nun 13 % (< Xornal de Galicia) ou nun 8% (< El País), con especial incidencia negativa nas cidades, nomeadamente Ferrol e Vigo. Chama a atención, onte coma hoxe, que se disparen as alarmas (alarmas ben febles, de por parte, pois o seu son dura o que a noticia impresa...) cando un instituto, academia, institución... oficial ou paraoficial teñen a ben informarnos do que xa sabemos ou, talvez, do que non queremos saber. Explícome. ¿Acaso é preciso que nos inteiren de que o galego perde falantes (por morte dos "naturais" e reposición non proporcional de novos utentes) nas e desde as últimas décadas? ¿É novidade constatar que se mantén estábel unha sangría continuada, porque a lóxica e deséxabel transmisión xeracional da lingua está rompida? ¿Alguén co sentido da vista e do ouvido en condicións normais e que se pare a pensar onde está o galego, pode admirarse de todos os lugares públicos e sociais onde AÍNDA non existe?

Por tanto, todas as prospeccións demoscópicas -caso de estaren ben feitas- non informan de algo novo: ratifican o que xa sabemos, por puro peso empírico. Até o máis distraído poderá perguntarse cantos actos dos cotiáns que realiza é posíbel facelos en galego e con qué devolución do galego usado. Mais dáse o caso, por riba, de que as enquisas, moitas veces, informan mal ou cómpre matizalas ao máximo. Non é o mesmo lingua real e lingua declarada. A propria diglosia determina a existencia dunha falsa naturalidade, en virtude da cal hai cantidade de falantes espontáneos do galego que o din falar sempre, e este adverbio significa, efectivamente, sempre no seu meio social, endogrupo, ambiente laboral-familiar, na maioría das interaccións, mais o "sempre" racha cando se viaxa á cidade ou vila, se precisa falar cunha autoridade ou, simplesmente, cun descoñecido, cando se escrebe un papel oficial ou cando se quer aparentar que non se procede do campo, senón que hai cartos para costear a identidade citadina "homologada". Estas situacións relativizan ou fan totalmente inexactas as cifras de galego-falantes declarados. Estes, na totalidade das súas interaccións e sen que teñan, como dixen, devolución do seu galego practicado por toda a parte e con todos os interlocutores, son única e exclusivamente, os galego-falantes conscientes, que se corresponden, en termos maioritarios, coas-cos nacionalistas que queren e poden manter esta lealdade lingüística, que para nada son o conxunto de afiliadas e afiliados a organizacións nacionais (sindicais, políticas, asociativas...) que din ter o galego como lingua oficial. E de aquí para abaixo, isto é, qué uso do galego real existe nas institucións e organizacións que o din recoñecer como cooficial...

Case tres décadas após se instaurar o rexime autónomico galego (Estatuto de 1981) e a Lei de Normalización Lingüística (1983), a lasitude con que se aplicaron normas favorábeis ao uso do galego é clamorosa. A desidia oficial casou coa españolización directa. O que desde xuntoiro resultou á vista está, coa agravante de que os poderes públicos galegos, hoxe, están moito máis ao servizo dos amos con sede en Madrid. Como o doente (o galego) non acaba de morrer, cómpre empuxalo polo caborco abaixo, á maneira espartana, ou inxectarlle aínda máis substancias tóxicas para que se vaia dunha vez deste mundo, ad maiorem gloriam dos farrapos do Imperio español e das galas do Imperio globalizador de verdade: ¡unha diferenza menos que aturar na lisura e no clonismo pretendidos! Non outra cousa son as medidas que, GOLPISTAMENTE, por e con ilegalidade flagrante, executou até o de agora o goberno galego que cumpre un ano nos asentos oficiais que pagamos todas e todos.

Ante a publicación dun novo decreto para o ensino, chamada xa decretazo popularmente, voces que se reputan científicas apuran a calmar os ánimos xa queimados de máis dos que aman e practican o galego na intelixencia (que atrevemento!) de o considerar unha lingua normal que debe aspirar a selo en todas as ordes da vida privada, social e pública, fabricando, con suposta autoridade académica, unha falsa, falsísima, estabilidade, baseada esta vez na torsión das evidencias máis patentes e flagrantes. É digna de ler, neste sentido, a entrevista a dupla plana que publica El País no 16 deste mes no seu suplemento para Galiza. Os profesores entrevistados son Mauro Fernández, catedrático de Lingüística Xeral na Universidade da Coruña e mais Henrique Monteagudo, profesor de Sociolingüística na de Santiago de Compostela. As súas declaracións son expresivas de cómo, ante feitos que se dan por consumados, e a vontade de non os contestar de frente, coa descrición que merecen, desprégase todo un painel de escapatorias, distraccións, falsos problemas, alternativas irreais e, mesmo, reviravolta completa da situación obxectiva que segue a manter como hexemónica o español e como retraída e en crise o galego.

Mais como non gosto de valorar ou cualificar sen base e exemplos concretos, deixarei o comentario desta entrevista para unha próxima entrega, en que procurarei desmontar algúns dos plantexamentos e valoracións nela contidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario