16 abr. 2010

Redúcese o número de galegofalantes

O Instituto Galego de Estatística vén de dar conta dos novos datos sobre o uso e o coñecemento da lingua correspondentes ao 2008. O organismo constata unha forte perda de falantes habituais de galego.


O número de falantes habituais de galego baixou 13 puntos en 5 anos. Así se desprende da Enquisa de Condicións de Vida das Familias, publicada polo IGE esta mañá. Os datos, correspondentes ao 2008, non son nada alentadores para o futuro da nosa lingua. Segundo estas cifras, só un 30 por cento da sociedade se expresa sempre en galego, o que supón unha diminución de 13 puntos respecto ao 2003.

Á vez, subiu un 8,2 por cento o número de galegos que empregan máis o galego que o castelán, até chegar a un 26,4 por cento do total da poboación. En xeral, segundo o IGE, increméntase o uso xeneralizado do emprego do español en todas as idades e son as provincias de Pontevedra e a da Coruña con menos falantes monolingües en galego, cun 20,7 por cento e un 30,9 por cento respectivamente.

Aumenta a presenza do galego no ensino

A enquisa tamén reflicte que cada vez é menos o número de persoas que posúen un bo dominio do galego. Así, só un 66 por cento da poboación galega entende "moito" o galego, fronte ao 81,1 por cento de cinco anos antes. Á hora de o falar, un 54,1 por cento da poboación considera que saber falar ben a lingua, fronte ao 67,9 por cento do 2003.

Os malos datos xerais para a lingua contrastan con grande incremento da presenza do galego nas aulas. No 2008 un 71,9 por cento dos menores de 16 anos recibían a maior parte das súas aulas en galego, mentres en 2003 só o facía un 48,92 por cento. Cómpre lembrar que no 2007, o Parlamento aprobou por unanimidade o decreto 124/2007 que instaba a impartir como mínimo o 50 por cento das aulas en galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario