18 de maio de 2010

Fernández Paz pide a retirada do decreto

Nova no Xornal:

O premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2008, o escritor Agustín Fernández Paz, instou hoxe ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, a que "retire" a súa proposta de decreto do plurilingüismo no ensino tras o "demoledor" informe do Consello Consultivo que "dinamita todas as bases" da nova norma.

"É xa unha marcha que haberá que recuperar, porque meteu na sociedade unha serie de prexuízos contra o galego que calaron nun sector da sociedade e que son unha absoluta mentira", criticou Fernández Paz.

O escritor lucense sinalou que unha desas principais "mentiras" foi "a imposición" do galego, polo que alertou da necesidade de que a Xunta lle dea ao texto "unha volta tan grande, que xa non sexa o que é".

Así, reivindicou o Plan Xeral de Normalización Lingüística, que se aprobou por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004. "Desde ese plan é desde o que hai que tirar. O problema é que o PP e Feijoo romperon todos os consensos e eles terán que explicar por que e retornar ao consenso", sinalou.

Finalmente, acusou o Executivo de "afogar" o galego, que contrapuxo ao "día importante" que representou para el a manifestación en Santiago impulsada pola plataforma Queremos Galego.


Milleiros "a favor" do galego

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, fixo especial fincapé en que, "é a terceira vez que decenas de miles de persoas saen á rúa para gritar forte que están a favor" do galego "e en contra da política lingüística" da actual Xunta.

"É terrible que calquera faga oídos xordos, neste caso o PP, e non escoite ese clamor popular que lle pide que varíe radicalmente a súa política lingüística porque hoxe en día menos galegos están de acordo co camiño que tomou o Partido Popular co galego", concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario