Mediante un texto de 42 páxinas, ás que hai que sumar outras dez que corresponden a dous votos particulares, o Consello Consultivo emitiu un ditame sobre o “Proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia” que considera “contrario ao ordenamento xurídico” os aspectos relativos á Educación Infantil e a consulta aos pais. Ademais, o relatorio critica outras cuestións do borrador e introduce numerosas suxestións para a súa modificación. Trátase dun ditame moi contundente, aínda que non vinculante.
Dos nove conselleiros que participaron no pleno do Consello que emitiu o ditame do Consultivo, sete votaron a favor e dous emitiron un sufraxio particular, un deles para incrementar o ton das críticas e outro para avalar a posición da Consellaría de Educación. Nas sete consideracións nas que entra o ditame, atopa contradicións absolutas co ordenamento xurídico en dous casos, e vulneración relativas noutros tres. Noutra delas suxire modificacións importantes no texto e só na primeira das consideracións –competencia do Consello Consultivo para emitir do ditame– este órgano non encontra contradicións.
O Consello Consultivo detense especialmente nas disposicións do decreto relativas á Educación Infantil porque considera que neste treito o decreto falsifica algúns termos lingüísticos. Así, sinala que “tanto o concepto de lingua materna como o de lingua do contorno posúen un significado diferente ao que se lles atribúe”. O ditame sinala que na Educación Infantil se “están desvirtuando” dereitos para evitar “asegurar a correcta aplicación” de leis como a de Normalización Lingüística. Así mesmo, emprega “circunloquios” para “conculcar” e non respectar “cabalmente o mandato da Lei de Normalización”.
A consulta prevista para que os pais se pronuncien sobre a lingua a empregar nas aulas é outro dos aspectos nos que entra o Consello Consultivo. Nesta cuestión, o decreto tampouco sae ben parado porque, para esta institución, é “irrenunciábel e innegábel” a responsabilidade da Administración na programación do ensino. “No noso ordenamento xurídico non ten acollida un modelo como o proposto”, chega a sinalar o Consello en referencia á principal promesa electoral de Núñez Feixóo. A introdución de prazos como votacións cada catro anos resulta “arbitraria e contraria a dereito” e, en xeral, “o texto proxectado tampouco cumpre cos requisitos mínimos imprescindíbeis” cando se trata de consultar aos pais.
No relativo á finalidade do decreto, o ditame lembra que o Tribunal Constitucional fallou que a normativa galega obriga a “un trato desigual, aínda que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais no territorio autonómico, na medida en que a acción normalizadora da lingua propia ten que implicar, necesariamente, a adopción de accións e medidas de apoio singularizado ou reforzado para garantir a subsistencia e desenvolvemento desa lingua”. Ademais, sinala que é no ensino onde ese apoio “cobra singular e xenuína relevancia”.
Sobre o procedemento para a elaboración do decreto, o Consello atopa falta de competencia dos centros aos que correspondería a emisión de informes relativos á exención da cualificación de galego por parte dalgúns ensinantes. Ademais, considera que “un terzo do horario” dedicado ao inglés “podería resultar desproporcionado”.
Aínda que o Consello Consultivo propón, ademais, modificacións de calado en boa parte dos artigos do decreto, trátase dun ditame non vinculante. A Consellaría de Educación só ten o deber de escoitar o pronunciamento do Consello. Con todo, debe estudar o informe e se cadra introducir algunha das súas suxestións, o que implicaría unha demora na publicación do texto definitivo no Diario Oficial de Galicia para evitar que as modificacións de última hora introduzan incoherencias importantes no decreto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario