27 de maio de 2010

O predominio do castelán

Desgrazadamente, algo que xa sabiamos:

"O castelán é o idioma no que len habitualmente libros o 93,6% dos entrevistados. Un 5,5% le en Galego e só un 0,9% le nalgún idioma estranxeiro (inglés principalmente). Un 63,7% dos lectores le en dúas ou máis linguas ademais da habitual (hai un 36,3% restante que tan só le nunha). As linguas alternativas de lectura son preferentemente o Galego e o inglés. Se sumamos lectura habitual máis ocasional, o 54,4% dos entrevistados le en galego".

Son algunhas das conclusións do estudo Hábitos de lectura e compra de libros na Comunidade Autónoma de Galicia, realizado pola empresa Conecta Research Consulting por encargo da Consellería de Cultura, por mediación da Asociación Galega de Editores.

"Considerando que precisamente o menor índice de lectura lles corresponde aos hábitats de menor tamaño, que son os que teñen a poboación máis avellentada e con menor nivel de estudos, atopámonos con que os maiores índices de lectores están naqueles colectivos nos que o galego está menos enraizado. De aí que a lectura de libros en galego sexa habitual só no 5,5% da poboación. Se a isto lle sumamos un 48,9% que utilizan o galego como idioma ocasional de lectura, atopámonos con que un 54,4% dos galegos de 14 ou máis anos le en galego habitualmente máis ocasionalmente", reflexiona o estudo.

O mesmo informe revela tamén que un 10,4% dos usuarios de internet mercan libros a través deste medio, un 8,4% len ou descargan literatura en internet e un 6,9% ten blogs ou participa en foros sobre libros ou temas literarios.

O Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros dos catro primeiros meses de 2010 da Federación de Gremios de Editores de España acaba de desvelar que case a metade dos españois le habitualmente en formato dixital, a maioría deles no computador (47,3%); mentres no móbil ou axendas electrónicas o fai un 6,6% e a través de e-reader o 0,8%. Este ano, o barómetro mediu por primeira vez a lectura dixital e profesional.

Así, do 59% dos españois maiores de 14 anos que le libros, o 4,7% faino en soporte dixital, a maioría, no seu tempo libre, e un 20,9% por traballo ou estudos. En canto ó formato tradicional de papel, o autor máis lido segue sendo o sueco Stieg Larson, aínda que o libro máis vendido foi O símbolo perdido de Dan Brown. O número de españois maiores de 14 anos que declara ler en calquera tipo de material, formato e soporte, xa sexa impreso ou dixital cunha frecuencia polo menos trimestral chega ó 91,1%, e, deles, o 86,6% di ler polo menos unha vez por semana. Case o 80% le periódicos e un 52% revistas, polo menos unha vez ó trimestre.

Pero son os xornais os que lideran a lectura en soporte dixital (32,1%): as webs, blogs e foros acaparan o 37,6% de lectores. Os homes len máis que as mulleres, pero as mulleres len máis libros, mentres que eles len máis periódicos e cómics.

Outros dos datos que achega o Barómetro é que todos os nenos de 10 a 13 anos len polo menos unha vez ó trimestre e elixen libros para ler, aínda que un 48% tamén le revistas, un 43,2%, cómics, e un 36,8%, periódicos. Nesta banda de idade, un 55,2% le en soporte dixital, a metade deles no seu computador, e o 11,2% no móbil ou a axenda electrónica. Este estudo, no que colabora o Ministerio de Cultura, pretende coñecer de xeito continuo aspectos relacionados cos hábitos de lectura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario