30 de xuño de 2010

O futuro xa non é alleo a Lois Pereiro

Alberto Quián en Galicia Confidencial:


Porén, eu non estou sorprendido. Tarde ou cedo tiña que pasar, e pasou. Aconteceu a tempo, no momento preciso, cando se está a pelexar por manter máis viva ca nunca unha lingua acosada.

No amparo do noso idioma temos que achegar aos mozos e mozas do noso país un galego vivo, contemporáneo, moderno, achegado, aclimatado aos tempos, axeitado ao contexto actual, adecuado ao noso presente e ao noso porvir, adaptado á realidade que viven os novos galegos. E a RAG semella que así o etendeu, adicando o Día das Letras do 2011 a un poeta contemporáneo e punk coma Lois Pereiro.

Manterse afastados no tempo da mocidade galega era soster a nosa lingua coma un vestixio, coma unha lingua pretérita zarrapicada de necroloxía e morriña decimonónica. Tiñamos que virar 180 graos, camiñar en galego ao revés e agarrarmos ao presente para achegarmos ao principio: de Lois Pereiro a Rosalía, do punk ao Rexurdimento.

O galego pode empezar unha nova andaina no 2011 con Pereiro. Unha etapa viral na que lles poderemos achegar ás novas xeracións unha lingua viva zarrapicada da contemporaneidade e, con ela, facer o camiño cara adiante e tamén cara atrás, cara o porvir e cara as orixes.

No 2011 hai que abordar a obra e figura maldita de Lois Pereiro sen escatimar nada, sen prexuízos e sen eufemismos sobre o poeta que deixou escrito: “O futuro é por forza alleo a min”. E logo haberá que seguir facendo prospeccións. Haberá que ir dando máis pasos cara a normalización do presente e a procura do futuro. Haberá que adicarlle o Día das Letras Galegas a un autor vivo. Porque o Día das nosas Letras non pode ser só unha sorte de festividade necrolóxica.

Hai que anovarse e darlle valor aos nosos literatos vivos. Hai que actualizarse e procurar e divulgar novas estéticas. Hai que achegar á mocidade galega novos paradigmas literarios e lingüísticos.

Temos que ser punks e rachar os canons para abrir novas fiestras e ampliar horizontes á nosa lingua e á nosa literatura, ou non haberá futuro. E o futuro, querido Lois, xa non é alleo a ti.

Galicia os está esperando

Ningún comentario:

Publicar un comentario