Supoño que a presenza de Rivas como académico e de Ferrín como presidente da RAG, así como a situación de emerxencia da nosa lingua, foi a determinante na escolla de Lois Pereiro para a homenaxe do Día das Letras do 2011 (aquí xa reivindicada de vello). Despois do belixerante informe da RAG contra o decreto do galego non había outra. O camiño xa fora marcado por Uxío Novoneyra este ano e había que seguir nesa andaina. Aqueles que nos negan e que nos atacan teríano moi sinxelo se unha vez máis se lle dedicaba o día grande da nosa lingua a outro deses cadáveres decimonónicos que adoitamos rescatar ano a ano. A nosa lingua viva aínda, malia os desexos suíños de moitos, presentaríase de novo perante a sociedade como unha lingua morta. Rivas e Ferrín sabíano.
Lois é un poeta centroeuropeo, desa Europa que soñou Thomas Bernhard, autor ao que el tanto citou coa devoción dos convertidos. As veces os seus versos son crípticos e mestos, pero coa cativadora beleza que ten una arcano indescifrable, no que, malia resultarnos inalcanzable, sabemos que reside a VERDADE, así en maiúsculas. Un poeta, como non, con luces e tebras, como calquera de nós, do que agardo se fale con claridade nos institutos sen ter que recorrer ao mediocre e mentirán verniz do politicamente correcto.
Lois é unha lenda para moitos dos que coma min somos uns neofalantes. Lembro cando con vinte anos quería ser poeta e escribía e falaba aínda en castelán. Lía en galego, si, pero para min non era sexy nin punki —prexuízos da mocidade, síntoo—. O que lía en galego estaba ben si, pero non atopaba o que encontraba noutras literaturas, e músicas, especialmente na anglosaxona. Non atopaba unha voz que me falase de ti, que me bisbase na orella. Unha voz coa que identificarme. Unha voz que soltase verdades coma puños. Unha voz como a de Ian Curtis en Joy Division. Non tardei moito en atopala e resultou que foron dúas e non unha. A primeira foi a de Rivas en Ningún Cisne ( Sotelo Blanco 1989) e a outra foi a de Lois en Poemas 1981/1991 ( Postivas 1992). Con eles caeron os meus prexuízos, descubrín o sexy e punki nas nosas letras e comecei a escribir na miña lingua. Sei que no camiño da escrita que eu seguín non hai nada deles, xa me gustaría. Mais non deixo de pensar de que eles foron os responsables de que, ante aquela afastada encrucillada onde unha vez estiven, escollese o camiño correcto, o único camiño. E estoulles moi agradecido.
(Agora mesmo, mentres escribo isto no portátil, no corcho que teño na parede fica cravada unha postal cun extraordinario retrato seu obra de Manuel Vilariño. Hai quince anos que me acompaña, resistiu mudanzas, fracasos e éxitos. É o meu particular santiño, laico, punki e galego, por suposto)
(Amais, que por vez primeira eu e moitos outros da miña quinta teñamos nos nosos andeis todos os libros dun homenaxeado no día das letras ten que significar algo, ou non?)
Eu respondo: pois si, certamente teño todos os seus libros, é un autor que sempre levei comigo e estou feliz pola homenaxe
Ningún comentario:
Publicar un comentario