12 de xuño de 2010

Rosalía foi lida como si estivera metida nunha especie de burka

Pilara García Negro na Voz:

Pioneira. É o adxectivo que mellor acae á valoración xeral que Pilar García Negro fai de Rosalía de Castro no seu libro O clamor da rebeldía . Esta obra, que recibiu o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais deste ano, foi presentada onte na sede da Real Academia Galega e, xunto coa autora, interviñeron Olegario Sotelo Blanco, Xosé Luís Axeitos, Olivia Rodríguez e Manuel Castelao.

-Ten dito que Rosalía de Castro foi a primeira ensaísta galega. ¿Por que?

-Neste libro quixen tratar a cuestión de xénero desde tres apartados. O primeiro é a modalidade literaria, na que Rosalía é a primeira ensaísta da literatura galega polo seus prólogos de Cantares galegos e Follas novas. Os dous están escritos en galego, que non era natural naqueles intres. Eses textos cumpren todos os requisitos dese xénero. En Follas novas fulmina a época tradicional da literatura galega na que o heroe era masculino, superior, case un redentor, e ela trazará a epopea das mulleres da inmensa maioría social galega, e que son un suxeito colectivo.

-Tamén asegura que é a primeira feminista.

-Ese é o segundo apartado. Rosalía foi a primeira feminista galega con todos os títulos para esa condición. É un anacronismo excluíla desa galería de autoras como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán ou Virxinia Wolf.

-¿E o terceiro apartado desa cuestión de xénero?

-É semántico-gramatical, de autoritas; ela non se limita a internarse nun terreo xa abonado e documentado da literatura, senón que inaugura o seu propio territorio. A súa obra é un enorme big-bang . Ela non circula en paralelo á literatura española do seu tempo, é unha librepensadora crítica con moitas cousas da sociedade.

-Todo iso ¿está neste libro premiado?

-Rosalía non é entendible só desde técnicas filolóxicas, sen axuda da historia, da socioloxía e dun coñecemento profundo da cultura popular galega, que é todo menos simplista. Ela foi lida como se se nos obrigara a valorar un lenzo tapado, como si estivera metida nunha especie de burka.

Ningún comentario:

Publicar un comentario