8 de xul. de 2010

Feijóo incapaz de cumprir o prometido co inglés

Lemos en Galicia Confidencial:

“Se non podemos dar máis cursos e máis profesores é porque non temos máis diñeiro”. Esta é o argumento esgrimido esta mañá polo presidente da Xunta para presentar un plan de fomento do inglés que incumpre en gran parte das súas promesas electorais.

Así, o programa electoral do PPdeG promete textualmente “conquerir que a metade dos colexios de Galicia sexan trilingües ao remate da Lexislatura, impartindo 1/3 das materias en castelán, 1/3 en galego e 1/3 en inglés”. Porén, o “Plan Galego de Fomento das Linguas Estranxeiras” presentado esta mañá fixa en 160 o máximo de centros nos que haberá oferta trilingüe.

O programa do PP tamén promete “implantar a figura do lector nativo en tódolos centros de ESO, Bacharelato e FP”. O conselleiro de Educación reduciu hoxe a presenza de lectores unicamente nos 160 centros bilingües, que en teoría tamén deberán dar apoio ao resto de centros.

O “contrato con Galicia” que asinou Feijóo tamén compromete “becas de medio ano en países de fala inglesa para alumnos de FP e Bacharelato”, Xesús Vázquez admitiu hoxe que aínda se está a negociar co Estado este tipo de becas, pois a súa prioridades no ensino de inglés son Primaria e Infantil.

O “Plan Galego de Linguas Estranxeiras” aprobado no Consello da Xunta esta mañá formará a 39.000 alumnos en inglés máis, fronte aos 11.000 actuais. O Goberno di que gastará 51 millóns de euros.

Para recortar o galego si hai cartos

Malia os evidentes incumprimentos co programa electoral, Feijóo presumiu hoxe que o novo Plan "supón cumprir a palabra dada e o compromiso electoral co que nos presentamos en 2009".

O mesmo argumento, que ten cumprir un mandato democrático das urnas, é o que emprega o PP para xustificar os pasos atrás nas políticas de normalización do galego. Porén, no caso do recorte do galego semella que a Xunta non lle importan tanto os evidentes problemas económicos. Por exemplo, o Goberno desfarase de ducias de miles de libros na lingua propia este verán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario