O outro día tocoume asistir á cerimonia de graduación na Universidade de Cardiff. Vestín de toga como me correspondía e entrei en fila na sala cerimonial cos demais profesores. Ao redor de min estaban sentados os licenciados que viñeran recoller a súa licenciatura e a pórlle fin ritualmente aos seus anos de estudos, ademais dos seus fachendosos pais. Mentres esperaba a que o reitor da universidade comezase a cerimonia, reparei nunha frase sobranceada no texto do programa de man. Estaba escrita en galés: nerth gwlad ei gwybodaeth. A forza dunha nación reside no seu ensino.
Despois foron desfilando os licenciados. Moitos deles viñeran de fóra de Gales para estudar as súas especialidades na capital galesa. Outros moitos levan apelidos e trazas inequivocamente galesas. Tanto entre uns coma entre os outros, haberá os que quedarán no país e os que marcharán cara ao mundo. Fagan o que fagan, serán anuncios de carne e óso do mellor que pode xerar este país e ofrecerlle ao planeta como o seu mellor recurso humano: a mocidade formada na universalidade da universidade. Mentres chegaba ao remate a ceremonia, cavilaba eu no devalar histórico da identidade galesa e mais na súa relación co ensino. Coa consolidación da colonización de Gales no século XIII pola mafia medieval inglés-normanda, o único camiño que lles quedaba aberto aos galeses cara ao poder era o do estudo. No XVI comezou a súa presenza no Jesus College de Oxford, o que asemade lles facía gañar influencia na corte dos Tudor en Londres. Na época moderna, as asociacións galesas de obreiros e mineiros, e as cotas que pagaban dos seus precarios soldos, permitiu a creación de escolas, sociedades, bolsas e bibliotecas. Si, as bibliotecas déronlles poder. Dos vales, das aldeas e das vilas puideron acceder á universidade galesa nas principais cidades, e despois xogar o seu papel na vida das Illas Británicas, e no mundo.
A cerimonia foi completamente bilingüe, variando harmoniosamente entre galés e inglés. Si, harmoniosamente. Con todo, e sen dúbida, o signo diferenciador de todo, o son que convertía nun conxuro aquel remate ritual dos estudos de tantos mozos, eran as palabras galesas que nos lembraban a todos que aquí reina outra identidade, que aquí reina outra tradición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario