6 de xul. de 2010

Gutiérrez Aller protagoniza 'A lingua dos protocolos'

Porque o coñecemos persoalmente aledámonos por el e cremos que merece homenaxes e premios, xa que son poucos os que dentro da xustiza erguen a súa voz pola nosa lingua. Porén, botamos de menos que non defenda a nosa lingua falándoa decote, nos bares, nas tertulias cos amigos... Unha lingua non se normaliza se non se fala; moito agradecemos a quen a defende sen falala, como fai Cuiña, por poñer un exemplo de sobra coñecido, pero lonxe estamos dunha estabilización lingüística se os argumentos non nos levan á práctica diaria.

A nova collémola en A Nosa Terra:

Vitorino  Gutiérrez Aller, con gafas, recolle un galardón nun acto da Irmandade  Xurídica Galega

O ex notario lalinense, Vitorino Gutiérrez Aller, foi un dos premiados na decimosexta edición dos Premios Lois Peña Novo, xunto ao Concello de Burela, o catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Lorenzo, e o Foro de Avogados Lugo.

Gutiérrez Aller foi autor do primeiro formulario notarial redactado en lingua galega e adicou gran parte da súa dilatada vida profesional a abrir as portas do ámbito xurídico ao galego e a recuperando a redacción de documentos xurídicos privados en galego, tal e como se facía séculos atrás.

O documental, promovido pola Fundación Luís Peña Novo, fai un percorrido histórico pola historia xurídica galega, concretamente polo uso do galego na redacción de documentos xurídicos privados como testamentos, casamentos, testemuñas, etc., e céntrase na figura de Gutiérrez Aller, cuxa testemuña, forma parte deste documento audiovisual.

O xurista cita, entre outros temas, a influencia da desaparición do galego como lingua do dereito privado galego na deturpación dos topónimos e da relegación do galego como lingua de cultura.

Con este documental a Fundación Luís Peña Novo continúa o seu labor de normalización lingüística en todos os ámbitos da sociedade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario