Moito teñen que ver os clubs de lectura e as campañas de animación á lectura que realizamos nos centros de ensino. Se damos unha volta polo noso país, comprobaremos o inmenso traballo realizado dende as bibliotecas escolares e dende o profesorado que mantén con periódicas reunións os clubs de lectura.
O club de lectura ten un valor especial. Que de motu proprio os adolescentes se apunten a un é moi elocuente: a declaración de ser lector (un becho estraño???). O feito de opinar nas reunións dá lugar a falar das propias vivencias, sexan boas ou malas. De cando en vez unha obra adquire un significado especial, convértese nunha espoleta de algo que se leva dentro; pódense sentir identificados cunha historia, cun protagonista, aliviar a súa dor por compartila… Asemade, o club de lectura adquire unha nova dimensión: remata sendo unha familia acolledora que comparte moito máis cós libros; comparte un xeito de entender a vida, unha afinidade difícil de rachar. Mesmo o feito de que algún membro se incorpore tardiamente vese como unha ruptura da intimidade inicial, porque o grupo que se forma en torno a un libro vai máis alá. Resulta curioso e gratificante comprobar como eses nenos e nenas que coinciden nas lecturas acaban sendo grandes amig@s.
Unha anécdota: co meu fillo, enfermo estes días, visitamos varios médicos. Todos recomendaron xunto co repouso ver o mundial. Ningún que lese un libro.
Non debería ser traballo exclusivo do profesorado tentar que a cultura –a lectura, por tanto- medre na sociedade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario