13 de xul. de 2010

Máis modernos ca hoxe

Segundo informa Galicia Hoxe, nova edición de Obra Crítica de Emilia Pardo Bazán

"El gallego es una lengua antigua venida a menos; como el provenzal, formóse precozmente; como el provenzal, madrugó en prestarse al cultivo ya a las galas de la poesía lírica; como el provenzal, fue lengua de trovadores, decidores y juglares; como el provenzal -aunque con menos violencia- las vicisitudes políticas la hirieron en un momento crítico de su desarrollo, cuando cabalmente tomaba vuelo y prevalecía la destinada a ser la lengua nacional española. En suma, el gallego es un romance, igual en su nacimiento a los otros en que el latín se descompuso, traído luego al estado de patué por las circunstancias históricas, y renaciente en las letras de la segunda mitad del siglo XIX". A escritora Emilia Pardo Bazán reflexionou así sobre o galego, nun artigo que recolle Cátedra nun volume que acaba de publicar.

O libro, con edición de Íñigo Sánchez Llama, reúne discursos, relatorios, artigos e ensaios da creadora de Los Pazos de Ulloa sobre temas como lingua, literatura, muller e política. Desde unha postura nacionalista española liberal, afín ao rexeneracionismo de fin de século, reflexiona sobre o idioma ou o galeguismo desde unha perspectiva moito máis aberta que a do ultraespañolismo conservador actual. Lembra como a distinción entre dialectos e linguas rexionais "é artificiosa", e que as "unidades nacionales" -referíndose ao Estado-nación-, "propenden a establecer" a identidade de lingua, a uniformidade, elixindo entre un dos seus dialectos: caso do castelán en España. Un razonamento afastado do amosado, por exemplo, polo filólogo Andrés Freire no texto que difundiu a Fundación FAES.

Afirma que se o galego amosa na súa época "atraso", é debido á carencia de literatura na Idade Moderna, e a que o idioma entre xentes "instruídas", o "comercio epistolar", a "oratoria sagrada" e os "instrumentos públicos" se fan en castelán. Cando xulga, e reivindica, a literatura do Rexurdimento, a "poesía regional" lle chama, cualifica os Cantares de Rosalía como o máis "sincero" da poesía galega, "impregnado" do sentimento do pobo, no que a lingua acada o "límite extremo" da súa perfección.Sobre Pondal, lembra que A campana d" Anllons, un poema digno de "competir victoriosamente" co "famoso romance de Góngora en que aperece inspirada", perpetuou o seu nome.

Amósase contraria ao que chama "separatismo", e advirte nas "provincias maltratadas" por segundo ela a "sorte", -e non un intento de impoñer un determinado proxecto-, un "rencor" contra as "provincias dominadoras". No contexto da dureza do traballo dos segadores galegos en Castela sitúa os versos anticasteláns de Rosalía, e engade que Galicia ten máis motivos que Cataluña ou o País Vasco para a queixa, dado que "nuestras provincias" non tiveron "un solo momento de alivio, ni la protección que requería su pobreza". Por iso, di, a poesía chora e emigración, os tributos, a mala administración ou a falta de progreso industrial.

DATOS

Non renunciou ó catolicismo

O caciquismo é outro dos temas sobre os que escribe. Afirma que non o forxou ningún Goberno, senón que é "espontáneo", e que agroma da "ignorancia" e da incapacidade das "masas". Reclama a liberdade, fronte ao absolutismo, e á modernización, pero non renuncia a denomina certos "principios" esenciais da vella orde, como o catolicismo. Reivindica o "patriotismo" español, e di que ao desfacerse a "patria" no 1898 se reforzou o "separatismo" catalán, xa que os cataláns son "puros patriotas".

FEMINISMO

Tanto traballo coma o home

Pardo Bazán protesta pola exclusión da muller na educación ou na xustiza. Sinala que non se lle prohíbe estudar, pero se o fai atópase coa "reprobación tácita" ou "explícita", polo que non lles queda ás mulleres máis saída que a do matrimonio, e nas clases populares o servizo doméstico, a mendicidade e a prostitución.

Reivindica a presenza das mulleres no "Xurado", e lembra que á hora de traballar, e máis en Galicia, a muller carga con tanta ou máis responsabilidade ca o home.

Desde a óptica de hoxe

Os textos inclúen comentarios que, vistos desde a perspectiva de hoxe, chaman especialmente a atención, como a apelación á "raza superior" dos españois, -Pardo Bazán morreu antes da Segunda Guerra Mundial-.

Tamén resultan chamativas algunhas reflexións sobre a poesía e a lingua galegas, -a que atribúe, cando fala de Rosalía, dozura, e "frescor silvestre"-, estruturadas en base a imaxinarios que foron criticados por un feminismo moi posterior no tempo -María Xosé Queizán, por exemplo-.

Ningún comentario:

Publicar un comentario