28 jul. 2010

Non se admite dó

Caetano Díaz, no Galicia Hoxe:

Quero eu crer que Lois Rodríguez botoulle o peche a Vieiros na véspera do Día Nacional de Galicia para nos agasallar cunha mostra máis da súa lúcida e intelixente ironía, cun testamento descarnado: o da morte dun proxecto mediático que naceu galego, plural e moderno hai quince anos e que morre -ou se aletarga- galego, plural e moderno, afogado pola estrondosa xenreira dunhas institucións que desprezan o máis noso, o que nos distingue como pobo, e pola xeada indiferenza dunha sociedade que algúns percibimos cada día menos galega e menos plural. Escribiu estoutro día no GH Craig Patterson que na Universidade de Cardiff lembran sempre que a forza dunha nación reside no seu ensino. No seu ensino e no seu idioma, que é o seu ADN irrenunciable, engado eu. Facer periodismo en galego é un exercicio de amor a unha terra, a unhas xentes e a uns sinais de identidade. Durante quince anos, Lois Rodríguez e a súa tribo fixeron periodismo de calidade en galego e con moito amor, conxurados para seren o limpo espello dun país que, ai!, aínda non existe.

Se deixamos morrer a súa semente, estaremos a nos condenar a afundirnos pouco a pouco no pantano da mediocridade e do pensamento único. Eu sei que o espírito de Vieiros segue a aventar e a osixenar esta Galicia que, de tan "in" que nola queren pintar, corre o serio perigo de acabar transformada -Oh, My God!- nunha mala copia de si mesma, envelenada polo virus globalizador que nos uniforma e que gaña territorio cando deixamos agonizar historias tan fermosas como a que protagonizaron Lois Rodríguez e os seus bravos. Di na súa despedida o editor comprometido e galeguista que non se admite dó. Perfecto! Eu dígolle que seguimos no camiño, sen laios e decididos a non arriar as bandeiras do periodismo e da convivencia en liberdade, mentres lembro os versos de Miro Casabella: O meu país é verde e neboento / é saudoso e antergo, é unha xente e un chan / o meu país, labrego e mariñeiro / é un recuncho sen tempo, que durme nugallán. / O meu país nas noites de invernía / debuxa a súa agonía, nun vello e nun rapaz / o meu país de lenda e maruxías / agarda novos días, marchando de vagar.

Forza e honra, compañeiro, e regresa axiña!

No hay comentarios:

Publicar un comentario