22 de xul. de 2010

O estado (decrépito) da nación (galega)

Fran Lorenzo en Galicia Hoxe:

Só tres días da celebración do 25 de xullo, o estrito programa de desactivación da nación galega segue o seu curso. ¡Esto no hay quien lo pare, chicos! En realidade pouco hai de novo nese celo destrutor que só debería sorprender os inxenuos ou os incautos, que son lexión no contexto opositor, maiormente no BNG. A Reconquista Popular de Galicia coincide –ademais de cos feros embates da crise económica–, co máis feble e depauparado momento da política galega de todos os tempos. Calquera pode erguer a cabeza, ocupada como a levamos nas cousas do chan e de máis abaixo, e comprobar o que hai arredor: nada. Ren. Esa foxa abisal, esa caverna sen sombras pola que camiñamos, fai que ecoen con máis forza os brados da reacción. Eu, polo menos, sinto ese bruído por toda parte. O PP de Feijóo vén, con inusitada celeridade, apropriándose dos espazos públicos, contaminando as relacións sociais, esfarelando os símbolos e practicando unha dialéctica de máximo risco, baseada na banalización e mestura indiscriminada de conceptos e pensamentos que o inimigo da esquerda sentía, até o de agora, da súa propiedade, nomeadamente unha idea: Galicia ou Galiza.

Na ensalada mixta de Feijóo cabe Castelao, cabe Rosalía, a universalidade da xeración Nós, a ecoloxía, o feminismo pero tamén o neocinismo, a lóxica borrosa, a homofobia de raíz católica, o ultranacionalismo español... e a liberdade. A liberdade empapúzalle a gorxa a todos os líderes populares e no nome da liberdade artellan os políticos conservadores todas as súas pequenas solucións finais: liberdade para construir sobre a costa, liberdade para non falar galego, liberdade para pagar un seguro privado sanitario, liberdade para marchar fóra traballar, liberdade, en suma, para eternizar a nosa condición de país- reserva de náufragos e emigrantes.

O sorprendente deste Goberno é que nada acontece fóra do campo dos símbolos nin do inasíbel espellismo das macrocifras. A súa capacidade xestora é nula, xa non digo a súa capacidade comunicativa, baseada exclusivamente no presunto gancho do presidente e na súa proxección como protolíder popular do soar español.

Confeso que non son quen de evocar nin unha soa medida da Xunta de Feijóo que non teña carácter reactivo-destrutivo. Onde había un portal web, hai agora un espazo en branco; onde había unha lingua ameazada hai agora a mesma lingua, pero vítima da rapina e da violencia institucional; onde había paro hai aínda máis paro; onde había exclusión social segue a haber exclusión social; onde había falcatruadas urbanísticas segue a habelas e co aval da lei; onde había corrupción segue a haber corrupción; e así ad infinitum... O seu labor redúcese, ao parecer con éxito, ao campo de batalla dos mitos. Non hai máis. Puro bluff ergueito sobre unha coartada só apta para imbéciles e escuros: o mantra da austeridade.

A só tres días do Día Nacional de Galicia –xa nesta lexislatura Día de Galicia– nada nin ninguén semella que vaia remover este estado de cousas. A pobreza dialéctica, a falta de brillo político, é estarrecedora. Os índices de entusiasmo fican debaixo da terra. Pero o logro da desmotivación e da desmobilización da parroquia galaica –quitado o incombustíbel movemento independentista– non só provén do acoso conservador. A falta de propostas e as leas de poder internas de moi baixo perfil, no PSdeG e no BNG, exportan tal imaxe de decrepitude e déficit de ilusión que este 25 sair a rúa será un auténtico exercicio de voluntarismo. O malo é que sair por sair xa non pode ser unha opción. Nin votar por votar tampouco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario