28 jul. 2010

O galego na escola

Robert Neal Baxter, en Terra e Tempo:

Por desgraza, após unha serie de tímidos logros, tócanos vivir -nós e sobre todo a xeración que representan os nosos fillos e as nosas fillas- un retroceso que anuncia o principio dunha nova época de escuridade -por non dicir escurantismo- en todo o referido á defensa da patria galega e dos seus sinais de identidade. E entre estes sinais destaca, por encima de calquera outra, a lingua que nos distingue e define como pobo. O papel fundamental que desempeña a lingua na cohesión nacional do pobo galego é a razón que motiva a virulenta política lingüicida deseñada para arrincar o galego como lingua normal do pobo, como paso previo para o obxectivo final que non é outro que a aniquilación da Galiza como nación.

E non é casual que o punto de partida deste xenocidio cultural sexa o ensino obrigatorio na forma do denominado 'Decretazo', procurando así reforzar a idea de que o galego é unha lingua de segunda categoría fronte ao español (e mesmo, ao inglés) no seu propio país e, sobre todo, interromper unha vez para todas a transmisión interxeracional do galego, ao garantir unha educación formal insuficiente e desequilibrada en galego, fomentando así a inseguridade lingüística xa existente fronte ao español, cada vez máis hexemónico como lingua de prestixio. Despois, só será unha cuestión de tempo para que a lingua se esnaquice definitiva e (case) irrecuperabelmente.

Fronte a esta ofensiva españolista sen paliativos, o primeiro deber de calquera nacionalista non pode ser outro que loitar para resistir e defender a lingua galega, sexa como for.

Como pai que eu tamén son, entendo a frustración que se sente ante as actuais perspectivas escolares, e loxicamente non vou ser eu quen critique calquera que procure garantir que a súa filla ou o seu fillo estea educad@ na lingua do país.

Por iso resulta difícil avaliar de xeito obxectivo iniciativas como Galiza co galego [http://limiargalego.blogspot.com/2009/04/pola-creacion-dunha-rede-popular-galega.html] que ten como obxectivo principal declarado: «acad[ar] recursos económicos para a creación dunha rede popular galega privada de ensino en galego, a todos os niveis». Porén, unha reflexión ao respecto revela que detrás desta iniciativa a priori loábel se agochan unha serie de implicacións sociopolíticas a longo prazo que resultan urxentes analizar para evitarnos cometer uns erros estratéxicos de calibre de cara ao futuro que poden traer importantes consecuencias negativas indesexábeis e indesexadas para a lingua galega.

A miúdo se apela a iniciativas populares similares, como son as escolas asociativas en lingua bretoa Diwan [http://www.diwanbreizh.org/]. Mais cumpre deixar claro que a situación é radicalmente diferente desde todos os puntos de vista ao se comparar coa galega.

Por unha banda, as escolas como Diwan -tamén hai sistemas similares por toda a Europa- representan o último reduto para manter un mínimo de novos falantes, nunha actitude de preservacionismo necesario para garantir a supervivencia dunha lingua seriamente ameazada e cuxa supervivencia fica lonxe de estar garantida[1]. Moi a pesar das reiteradas tentativas ao longo da historia por parte de españolismo, iso non é o caso do galego que segue a ser unha lingua na que se pode expresar sen dificultades a esmagadora maioría da poboación[2]. Nin existe no caso galego, contrariamente ao caso bretón, ningunha barreira comunicativa real que se puider invocar para impedir o seu uso normal como lingua vehicular dentro do sistema educativo habitual.

E pola outra banda, ao contrario do bretón e moitas outras linguas en situacións similares, existe unha (aínda que enormemente insuficiente) lexislación que ampara o uso do galego no ensino e non se pode trocar a reivindicación histórica que exixe o seu cumprimento integral así como a súa progresiva superación por un survivalismo derrotista por baterse en retirada para se refuxiar en reservas illadas, automarxinándose e excluíndose así de facto do resto da sociedade. Fronte á nova agresión non é a hora de baixar os brazos e deixar que os españolistas fagan o que queiran coa nosa lingua nos centros públicos, pagados por todas e todos nós.

Así, por moi meritoria que a iniciativa galega puider parecer á primeira vista, existe unha funda contradición na concepción mesma dunha rede privada que pretende ser 'popular': para unha minoría da xente xa conscienciada con cartos habería a posibilidade de escolarizar a súa prole en galego. E para o resto, só lle ficará aguantarse nun centro público cada vez máis desgaleguizado e desgaleguizador.

Mais non é só unha cuestión de diñeiro, senón do arrecantamento do galego. Cabe preguntarse até que punto resultaría positivo que a maioría da xente conscienciada e favorábel á normalización do galego marchase do sistema público para se refuxiar nun sistema privado pararalo, deixando o sistema público e universal en mans dos caprichos dos inimigos do galego.

Fronte á pretendida 'normalidade' que predica a rede entre os seus obxectivos: «Apoio a creación dunha asociación popular Galiza co Galego que axude as familias para facilitarlles os medios, as ferramentas, para que poidan desenvolver a súa vida con normalidade en galego», na realidade o proxecto supón todo o contrario, co risco real de se crearen guetos elitistas, á marxe do sistema habitual, onde o galego sería a lingua dos bechos raros con cartos, acurralado en illotes autoproteccionistas fronte á masificación do español como lingua ultra maioritaria e sen contestación dentro do maioría da sociedade. No fundo, trátase dun capitulacionismo a curto prazo ben intencionado ao nivel individual mais que, ao longo prazo, representa unha perda de moi difícil recuperación para o pobo no seu conxunto.

Como socialista que son, non podo defender un sistema de dúas velocidades segundo os recursos económicos de cada quen. E como nacionalista que son, tampouco podo asumir que para falar a nosa lingua con normalidade haxa que cortarse do resto do pobo.

Entendo que cansa moito ter que loitar día si e outro tamén para que as nosas fillas e os nosos fillos poidan vivir na lingua do país de xeito normal. Mais foi grazas ao esforzo de moita xente antes de nós, tanto pais e nais como profesores e profesoras, que se conseguiu chegar a unha situación onde o galego estivo -e segue a estar, aínda que en menor medida- presente no ensino público. É, pois, o noso deber, honrar a memoria destas persoas, moitas delas represaliadas no seu día pola defensa dos seus e dos nosos dereitos, seguíndomos adiante coa loita para garantir unha educación galega, universal e de calidade no canto de nos afincarmos no derrotismo da musealización anecdótica da lingua en centros especializados e marxinais.

Acúsasenos, as/os nacionalistas, de querermos 'patrimonializar' o galego, de o apropiarmos para nós mesmas/os. Nada máis lonxe da verdade. O verdadeiro nacionalismo sabe que o futuro da lingua será garantido só se segue a ser a lingua do pobo, iso é de todas e de todos.

Mesmo o Estatuto recoñece o dereito básico de saber e poder usar o galego. Non se trata dun privilexio que corresponde a quen o poida pagar ou quen teña a paciencia de o procurar fóra das canles habituais da sociedade. O galego é o legado inalienábel de todas e todos, teñan o non os seus pais diñeiro, vivan onde vivan e falan a lingua que falen na casa.

Non renunciemos a lingua galega! Ensino galego, público e de calidade!

Notas

[1] En 2007, 172.000 persoas dicían falar ben ou bastante ben o bretón, ou sexa 13% da poboación da Baixa Bretaña, zona historicamente de fala bretoa, das cales 81% teñen máis de 60 anos (Broudic, F. 2009. Parler breton au XXIe siècle. Le nouveau sondage de TMO-Régions, Emgleo Breiz)

[2] En 2003, 90,1% da poboación dicía falar ben ou moi ben o galego, e até 97,3% da poboación declaraba entendelo moi ben (Monteagudo, H. e Lorenzo, A. (dir.). 2005. A sociedade galega e o idioma. A evolución sociolingüística de Galicia (1992-2003), Consello da Cultura Galega)

No hay comentarios:

Publicar un comentario