10 de xul. de 2010

Os funcionarios teñen o “deber” de saber as linguas propias, segundo o TC

Artigo no Xornal:

Tres anos, once meses e nove días despois de que o PP presentase perante o Tribunal Constitucional (TC) un recurso contra o Estatut de Cataluña por, ao seu xuízo, “liquidar o modelo de Estado”, o alto tribunal fixo onte público o contido íntegro do seu ditame, 880 páxinas nas que limita sensiblemente o texto aprobado polo Parlament e o Congreso e ratificado polos cataláns en referendo, aínda que mantendo preceptos que, en ámbitos coma o lingüístico, aumentan a marxe de manobra da Generalitat.

Nun dos treitos da norma catalana máis cuestionados polos conservadores, a referida ao “deber” de coñecer a lingua catalá, o razoamento do Constitucional restrinxe esta obriga pero non a elimina de xeito total como si fixo, por exemplo, co texto inicial da Lei de Normalización Lingüística que o Parlamento de Galicia aprobou en 1983, co Goberno de Gerardo Fernández Albor.

Neste escenario, o TC interpreta que o coñecemento do catalán “non é un deber xeralizado para todos os cidadáns de Cataluña”, aínda que si pode ser “imposto como deber individual e de obrigado cumprimento” en dous ámbitos nos que, no caso galego, o actual Goberno da Xunta aposta por matizar ou diminuír a presenza do galego, como son o funcionariado e a educación.

DEBER SÓ NO ÁMBITO PÚBLICO

No caso dos empregados da Administración, mentres en Galicia a reforma da Lei da Función Pública elimina a obriga de realizar, cando menos, un exame en lingua galega para acreditar o seu dominio, o Constitucional avala que o Estatut contemple o deber de coñecer o catalán para os funcionarios, dado que están “obrigados a dar satisfacción ao dereito de opción lingüística” contemplado no artigo 33 do texto estatutario catalán.

Ese dereito “de opción” foi tamén cuestionado polo recurso do PP no que atinxe á relación con representantes dos poderes do Estado coma xuíces, notarios ou rexistradores da propiedade. Partindo da base de que o Goberno catalán non poida influír “en ámbitos competenciais privativos do Estado”, si cómpre que estes profesionais “acrediten un coñecemento adecuado e suficiente” tanto de catalán coma de castelán, co obxectivo de que a “cooficialidade” dos idiomas sexa real.

Maior tesoirada ao aumento de rango legal da lingua propia de Cataluña existe no que ao “dereito de opción lingüística” se refire cando este colisiona coa “liberdade de empresa”, isto é, á hora de que o cidadán exerza como consumidor.

Neste caso, o alto tribunal limita o artigo 34 do Estatut, no que queda reflectido que “todas as persoas teñen dereito a ser atendidas oralmente e por escrito na lingua oficial que escollan na súa condición de consumidoras”, subliñando que isto “non pode significar a imposición de obrigas invididuais” aos comerciantes, dado que a obriga só corresponde “aos poderes públicos”.

Fronte ao recorte no ámbito privado, a sentenza ditada polo TC si encaixa na Carta Magna española a práctica totalidade do deseño lingüístico catalán no ámbito do ensino. Tal e como adiantara Xornal de Galicia, o TC non só pecha a porta “a recibir o ensino exclusivamente en castelán” por “elección dos interesados”, senón que permite que o catalán sexa o “centro de gravidade” do sistema educativo, en aras da “normalización lingüística”.

lingua nas empresas públicas

Nun ditame con varias alusións á “lingua común dos españois” e na que, como xa se anticipara a pasada semana, o catalán pode ser de uso “normal” pero non “preferente” en ningún ámbito da vida pública, o Constitucional somete tamén a interpretación o artigo no que o Estatut inclúe entre as medidas de “fomento e difusión do catalán” que as empresas que dependen da Administración ou contratan con ela empreguen tamén a lingua propia.

Neste caso, o TC insiste en que “toda lingua oficial é de uso normal”, polo que “o poder público non pode ter preferencia por ningunha”, algo que si poden facer “os particulares”. Así, só permite que este artigo pase a peneira se quen queira utilizar os servizos destas empresas en castelán non ten que realizar “ningunha formalidade” previa algo que, en Galicia, si é necesario para, por exemplo, obter documentos notariais redactados en lingua galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario