11 de xul. de 2010

Pecado lingüístico?

Xosé Mª Lema no Xornal:

Atendendo á invitación asistimos o 30 de xuño no Castelo de Soutomaior á entrega dos premios que anualmente a Fundación Lois Peña Novo concede a persoas e entidades que se distingan polo seu labor a prol da lingua galega. Nesta ocasión os distinguidos foron o notario de Lalín Victorino Gutiérrez Aller, gran impulsor da documentación notarial en galego; o bufete de avogados Lugo, de Lugo, do que é cabeza visible o ex deputado do BNG Alberte X. Rodríguez Feixó; a Corporación Municipal de Burela, pola exemplar integración dos inmigrantes do concello a través do galego, e o catedrático emérito de Filoloxía Galega e Portuguesa da USC Ramón Lorenzo Vázquez.


Todos con méritos máis que suficientes a prol da normalización da nosa lingua. Fixo unha excelente glosa dos méritos de todos eles Manuel González, membro da RAG. A guinda púxoa Xulio Alberte cando observou que, ben mirado, eles non merecían o premio, pois non facían máis que usar a lingua propia de Galicia; iso nun país normal non sería un acto merecedor dun premio –usar a propia lingua a cotío en calquera situación-, pero en Galicia si, e agora aínda máis.


Chamou a atención o caso do Concello de Burela, onde, mediante as escolas municipais e co acordo unánime de todos os grupos políticos, se está levando a cabo un exemplar labor de integración do inmigrantes a través da aprendizaxe da lingua. Ademais dos xa ben coñecidos inmigrantes caboverdianos, conviven na vila mariñá moitas nacionalidades distintas –máis de trinta-, e ata agora non se deu nin o máis mínimo problema de integración, nin a máis mínimo protesta porque esta fose a través do galego. Resultado: máis do 80 por cento da poboación exprésase normalmente en galego. Tanto é así que se pediu que o modelo burelés se exportase a outros concellos de Galicia. Mentres se relataban estes logros, a min veume á cabeza unha anécdota que o xa falecido polígrafo Xosé Filgueira Valverde contaba de cando se oficiara unha das primeiras misas en galego; ó seu remate unha velliña achegouse ó oficiante e díxolle: “Ai, señor cura, nunca tanto me gustara unha misa! E non será pecado?”


Por iso, en vez de sentir unha sensación enteiramente positiva por esa experiencia exemplar de Burela, o que sentín foi inquedanza, certo medo, pois axiña pensei que, ó funcionar tan ben esa experiencia positiva para a lingua galega, ó goberno de Núñez Feijóo –no acto estaba presente o Secretario Xeral de Política Lingüística– entraríanlle ganas de prohibila, como o acaba de facer coas clases de inmersión lingüística en galego nalgunhas cidades coma A Coruña, que seica tan ben viñan funcionando e sen problemas.

Pode soar a sarcasmo, pero o certo é que non fun o único que pensou así, pois ó final do acto houbo quen lles advertiu a algúns concelleiros bureleses deste perigo. Mentres non se demostre o contrario, temos un Goberno en Galicia que unicamente se preocupa de amputar todo indicio de normalización do galego (eliminándoo das oposicións, prohibindo dar as clases de matemáticas, física e química…). En suma, que o Modelo Burela tan loado por todos, non sei se será “pecado” para Feijóo e o seu equipo de cazafantasmas, pois ademais ten o agravante de que conta co consenso de todos os grupos políticos do concello, incluído o seu (quizais roden cabezas!). Ó contrario do ano pasado, que aínda se parara a falar cos asistentes ó final do acto, o citado Secretario Xeral marchou moi axiña; eu desconfiaría.

Ningún comentario:

Publicar un comentario