19 de xul. de 2010

Rosalía por descubrir

Do blog de Francisco Rodríguez, vía Carta Xeométrica:

Rosalía é un pozo sen fondo. Un día, tamén con entusiasmo, Manuel Rivas díxome que nela estaba todo. Este fervor rosaliano non é consecuencia dun prexuízo patriótico, disposto a achar relevante ou superior calquera produto cultural do país. É a constatación dunha revelación continua que, emotiva e racionalmente, nos pasma e asombra. Mágoa que o empeño en adaptala á unha visión ideolóxica hexemónica sobre Galiza, domine aínda hoxe a súa imaxe e e valoración. A grande escala, masivamente, segue esperando a ser descuberta na súa dimensión real. O Goberno galego non colabora ao descubrimento, como está evidenciando coa súa indiferenza absoluta cando se cumpren 125 anos do seu pasamento. Actitude natural en quen está empeñado en que Galiza non exista como pobo con cultura nacional e aspiracións políticas de seu.
Porén, Rosalía é o cerne da aspiración a unha cultura literaria propia, en lingua galega, e a expresión máis contundente de independencia psicolóxica e ideolóxica fronte a España, á ideoloxía da centralización e da eliminación do diferente. Por iso resulta sintomático que unha escritora, símbolo nacional por excelencia da Galiza, sexa tan sistematicamente ignorada e anulada nas informacións turístico-culturais sobre Galiza, en xeral, e sobre Santiago, en particular. Quizabes se deba ao desprezo, ao complexo de inferioridade sobre nós mesmos, que se traducen na reticencia verbo da transcendencia e importancia da nosa cultura.
Este ano Xacobeo, por exemplo, vale para calquera cousa, menos para lograr un mellor coñecemento da Galiza, do seu patrimonio artístico e cultural, da súa historia. Rosalía, a súa obra poética, pode ser porta de entrada magnífica para alumear unha cidade como Compostela, na súa dimensión histórica, artística, social e política, tamén como símbolo da Galiza. A través dela podemos comunicarnos, de forma suxerente e sen estereotipos, cos foráneos, á vez que nos pode axudar a revelarnos. Nada mellor que o poema “Na Catredal” (Follas Novas) para contemplar o Pórtico da Gloria, coa vida que lle presta a experiencia rosaliana, tensionada entre a súa concepción da relixión como aspiración á felicidade, coa comprensión e a piedade como dominantes, e a oficial e dogmática, fundamentada no medo e no castigo, desprezativa do ser humano na súa condición real. Imposíbel mellor guía que seguir os pasos de Rosalía no poema “Santa Escolástica” (En las Orillas del Sar) polas rúas composteláns, observando monumentos -Fonseca, Raxoi, Hospital Real, fachada da Catedral, Pazo de Xelmírez-, até penetrar en San Martiño Pinario, admirando, desde a paixón que aboia no peito rosaliano, os rostros e as figuras do anxo e da santa que conforman o conxunto, obra de Xosé Ferreiro. Non teríamos entón ningunha dúbida de que Rosalía está moi por enriba , en complexidade moral, innovación estética e comprensión global, mesmo de aspectos non nomeábeis na Europa ou nos USA na segunda metade do século XIX, que calquera outro poeta ou poetisa de entón, chámense Bécquer, Verlaine, Rimbaud, Dickinson ou Whitman…
Naturalmente, Rosalía non era ben vista pola Igrexa oficial. O poema “¡Jamás lo olvidaré…!De asombro llena..”, publicado primeiro en La Nación Española (1882), de Buenos Aires, e máis tarde en En las orillas del Sar (1884), foi a súa derradeira crítica pública ás posicións do catolicismo institucional. Nel denunciou a conduta do Cardeal Arcebispo de Compostela, Paya y Rico, valenciano, por apropiarse do mosteiro exclaustrado de Conxo, talando o bosque que o arrodeaba, de grande valor ecolóxico e histórico-simbólico e instalando nel frades mercedarios, para dificultar así que se materializase a intención da Deputación de construír alí un manicomio público. O Cardeal Arcebispo, José María Martín Herrera, salmantino, prohibiu que se pronunciase a oración fúnebre, como homenaxe, no funeral que se realizou en San Domingos de Bonaval co gallo do traslado dos restos mortais de Rosalía desde Adina o 25 de maio de 1891. Paradoxal ironía que agora o Arcebispado compostelán se faga coa propiedade dunha igrexa exclaustrada cun Panteón de Galegos Ilustres que, como Rosalía, entraron alí por vontade do pobo galego, contra o parecer e coa hostilidade da autoridade eclesiástica. A visión rosaliana de Galiza e do mundo non era a que tiña, e ten, a Igrexa católica, apostólica, romana e españolísima.

Ningún comentario:

Publicar un comentario