2 de xul. de 2010

Un día perdín un libro teu nun bar

Anotación no blogue O porto dos escravos:

Un día perdín un libro teu nun bar. Decateime camiño da casa e desandei o andado Ferrol arriba, reconstruín a ruta, falei con homes que xa baixaban persianas e elevei a voz sobre o balbordo dos locais nos que estivera aquela noite. Cando un deles se volveu e quitou a Poesía última de entre as botellas tras da barra suspirei con alivio. Recuperaba un ben prezado, un dos tres libros do poeta admirado xa en mellor vida, o único que os cartos contados e os prezos do libro galego me permitiran mercar.

Non pasaran aínda os dez anos de rigor e resultaba imposíbel imaxinar isto. O presidente mudou, sempre é importante contar con alguén que pasou polas cadeas do estado, que sabe dicir grifa e que cabalo non é só o da rapa das bestas, que presente que o empardecer nunha vila de Ourense non vale nada sen a revolta do metal nos arrabaldos obreiros. Que a pedra que se estrela contra o escudo dos antidisturbios non importa tanto pola fenda (que non deixa) como pola tensión do brazo ou da goma do tirapedras. É sorte, ningún dos anteriores soportaba tanta mocidade asomada nunha tumba.

Marxinal é o que non sabe só unha cousa. Dinche marxinal e mal poeta os que se abrazan á palabra cultura na atalaia temerosa dos seus gabinetes e non saberían deletrear Fassbinder, nin escoitaron falar nunca de Eric Rohmer na Coruña, nin das mágoas afundidas de Valéry, ou da sombra de Nerval. Non saben nada, en definitiva, do guiso indixeríbel de Fonollosa, nin darían identificado a metade das referencias que inzan a poesía última. Marxinal quen sabe de todo, dende os altos andeis das bibliotecas até os peores locais de Brest ou Bilbao, o que distingue a poesía da pretensión cun golpe de vista e non ten pudor de asubiar Dear Prudence mentres camiña dun bar a outro procurando un libro perdido. Marxinal quen é unha referencia constante para os que sabemos que é imposíbel sermos galegos sen habitar a marxe eterna na que dirimimos unha batalla a vida ou morte polo simple dereito á existencia. E que todo o demais é fechar os ollos.

E virán máis, de novo, agora que es como un Manuel Antonio que navegaba noutros barcos, a lixarte coas súas sucias maos. Como se tivesen o monopolio da pureza, ou a xoia perdida da lingua, como se os que habitamos os arrabaldos e percorremos as cidades non foramos nada fronte a gloria perdida dunha república rural inexistente e as súas esencias de pureza. Como se algunha vez quixeramos a pureza para algo máis que enturbala, as tumbas para algo máis que cuspir a nosa húmida vida sobre elas, as veas para outra cousa que non sexa acariñalas.

Perdín un libro teu nun bar porque o levaba aos bares, porque o emprestaba aos camaradas, e circulaba de mao en mao como circula ás veces a verdade. Moi poucos poetas poderían gabarse de tanta honra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario