Prezados señores: Que, damos a cousa por feita? Supoño que así é, polo tanto estarán xa nun punto de tomar decisións sobre do futuro que lles terá a cabeciña ben ocupada. Mais quero crer que han ter tempo para ler esta carta, que, coma todas as que levo publicadas, trata da nosa lingua (por favor, venzan os prexuízos e sigan a ler).
Teño para min que a nova caixa vén definida por ser unha entidade galega e ao servizo do pobo galego, ao que pertencemos, maioritariamente, os seus impositores, e mentres non chegue a entrada de capital privado, dun xeito ou doutro, unha entidade pública.
Así as cousas eu quería pedirlles que tomasen en consideración a posibilidade, nacida dunha obriga moral, de que, agora que están a definir o futuro, deixen claro que esta nova caixa galega, nesa súa vontade de se facer visíbel como tal, adopte a decisión firme de que a lingua de todas as súa relacións internas e externas, dentro do territorio de Galicia, haberá ser sempre o galego.
Isto sen negar os dereitos que todos os cidadáns teñen a seren atendidos, de xeito oral e por escrito, na lingua oficial da súa preferencia, polo tanto, todo aquel que desexe ser atendido en castelán, serao en canto así o manifeste. O mesmo que se supón que a min me ocorre en calquera das entidades bancarias con oficinas en Galicia, que teño que pedir expresamente a documentación en galego se así a quero.
Este detalliño de ter a lingua galega como o idioma de uso normal, convertería a nova caixa galega nunha entidade de clara, demostrada e orgullosa galeguidade. Non quero dicir que sexan menos galegos os cidadáns que falan castelán, de xeito ningún.
Dese dereito de se ter por galegos só exclúo os que renegan da lingua téndoa por inútil ou inferior, poñendo os medios para impedir que os seus fillos a coñezan ou aqueles que consideran normal que nun banco os atendan de xeito oral e por escrito de entrada en castelán e teñen por anormal que suceda así en relación coa lingua galega.
Por iso os convido a vostedes a daren ese paso que os poñería no mundo coma unha entidade bancaria galega, con toda a vocación universal que sexa posíbel, cousa perfectamente compatíbel con se afincar na galeguidade. Non lles estou a pedir nada extravagante, poden comprobalo lendo o PXNLG, aprobado no Parlamento galego en 2004 coa unanimidade de todos os grupos e de todos os deputados. Alí, poderán ver o que di sobre da “oferta positiva” como medida de normalización da lingua galega.
Para rematar, quería que considerasen que, é moi probábel, que a maioría daqueles que defendemos o uso e promoción da lingua galega, xa somos clientes dunha das dúas caixas matrices desta que agora nace, e que o facíamos por se tratar de caixas galegas ambas e dúas. E, desde logo poden ter a seguridade que este acto concitaría as simpatías de moitos galegos e galegas por enriba da lingua que fale cada un deles.
Demostrarían que non son unha entidade bancaria máis das que hai en Galicia, senón a única que ten verdadeira vocación de servizo aos galegos, comezando polo respecto á súa lingua propia. E isto sen menoscabo dos dereitos individuais de calquera cliente, que con pedilo, sería inmediatamente atendido na outra lingua oficial.
Teñan por seguro que seremos moitos os que permaneceremos atentos á súa decisión neste asunto para decidir o futuro dos nosos, poucos ou moitos, cartos. Atentamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario