2 ago. 2010

María Ruído: “A emigración galega está esquecida porque Galicia é un pais amnésico”

Artigo no Xornal:

María Ruído regresa en verán como non fai tanto tempo o facían os emigrantes galegos desprazados por media Europa. A súa condición de desprazada ten connotacións que permiten establecer matices con respecto aos que colleron as maletas para marchar a Alemaña ou a Francia dende os anos 50. Ten un traballo cualificado na Universidade de Barcelona e distintos proxectos por media España que teñen que ver coa experiencia da xente e coas transformacións sociais non últimos anos.

Esta concepción de desprazada e a propia experiencia persoal e familiar levouna a redondear Memoria Interior. Trátase dun traballo de investigación rescatado que aporta unha visión diferente da realidade da emigración galega a Europa. Para María Ruído “Galicia é un país totalmente amnésico e pouco reflexivo”. A súa afirmación ten que ver coa pouca atención que a sociedade lle presta ao fenómeno “vemos como está totalmente ignorado no cinema, na televisión e no audiovisual e penso que ten que ver coa construción da memoria colectiva e individual”.

As coordenadas históricas sitúan o seu traballo no anos 59-72, unha etapa histórica marcada polo pulo que os gobernos franquistas daban aos que decidían marchar buscar fortuna fóra. María desprazouse a Alemaña e estivo na fábrica onde traballaron os seus país, falou con galegos e galegas que seguen traballando alí e recolleu o propio testemuño familiar documentado con fotos do seu álbum.

Sorprende a súa decidida aposta por desmitificar a emigración: “Hai que comezar a desdramatizar o fenómeno, non se trata exactamente dun drama porque como queda exposto no traballo, marchar serviulle a moitos homes e mulleres para entender que había outras formas de amar, para descubrir o funcionamento da democracia e ás mulleres aprenderon que a proposta franquista de Falanxe, misa diaria e matrimonio non era a única posible”.

OS ORFOS DA FORTUNA

A outra cara da moeda son para Ruído os que se quedan aquí. Os nenos e nenas que non podían acompañar a seus pais na súa aventura na procura de fortuna e tiñan que quedar cos avós ou cos irmáns. Aínda que recoñece que hai diferentes supostos “o meu caso foi o dunha nena feliz que vivía cos seus irmáns maiores nunha especie de comuna hippy”. Porén si recoñece o custe que tivo a relación cos seus pais: “Os fillos de emigrantes víamos unha vez ao ano os nosos país e a relación era distinta, obviamente, a dos que viven todos os días nunha familia tradicional”. Cre, non obstante, que non se pode mitificar esta ausencia paterna e materna “porque todo é enriquecedor e fóra dos casos particulares establecíanse unhas relacións aproveitables e cheas de matices”.

UNHA RELACIÓN BUSCADA CO PAÍS

A profesora da Universidade de Barcelona ten unha relación buscada e frecuente con Galicia. Di que lle gustaría vivir no país pero comenta que aquí non ten traballo e que en Cataluña se sente “moi apoiada”. Esta afirmación indúcea a achar mais argumentos para xustificar a separación espacial: “Custaríame moito se o penso vivir na terra neste momento político. Non podería ser eu senón manteño relacións con Galicia, pero dende fóra obsérvase conservadora e clientelar”.

A modo de anécdota explica que moitos coñecidos que non viven en Galicia lle preguntan: “Como se explica que Manuel Fraga gobernara durante 16 anos?”. Asegura que a súa resposta é sempre a mesama: “Creo que a xente ten unha forma de pensarse como país moi propia e so entendible en clave galega”.

A súa volta a Galicia, no verán como facían os emigrantes, ten que ver coa preparación de proxectos durmidos que cre que hai que rescatar. Confesa sentir paixón polo momento político da transición española. “Era unha etapa onde a esquerda e os movementos sociais tiñan moitos propostas na carteira e algúns como a forma de estado deixaron de ser reivindicados”, sentencia.

Agora regresa para mergullarse nos arquivos e descifrar as claves da historia. Anuncia un traballo sobre o psiquiátrico de Conxo e a antipsiquiatría durante a transición. Está dando os primeiros pasos para documentar aspectos importantes pero que pasaron desapercibidos nese momento político. De momento á volta do verán toca marchar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario