A multinacional de orixe sueca Ikea que acaba de abrir unha tenda na Coruña asegura, nun comunicado, que "se irá adaptando de forma progresiva ao uso do galego, e sempre de acordo coa lexislación vixente". Porén, a única ferramenta que prevé galeguizar a corporación é o seu catálogo para o 2011, tanto na súa versión papel como dixital. A rotulación exterior ou a venda de libros en galego, pola contra, non entran entre os seus obxectivos empresariais que son, segundo indican en castelán dende o seu departamento de prensa, "ser reflexo da sociedade na que opera" así como "adaptarse na medida do posible, ás necesidades, gustos e costumes dos nosos clientes".
Esta superficie comercial resume a súa política lingüística en só dous parágrafos. "O 90% do cadro de Ikea A Coruña reside na localidade e o 85% fala galego", salientan. Ademais, o próximo catálogo para o 2011, "a ferramenta máis importante de comunicación da compañía" -remarcan- estará tamén dispoñible en galego, ademais de en castelán, éuscaro, catalán e inglés.
Na páxina web da superficie comercial na Coruña, conviven sen moita harmonía os epígrafes en galego cos textos en castelán. Do mesmo xeito que cando chamamos ao seu teléfono de información unha gravación ofrece a posibilidade de atendernos en castelán, catalán, éuscaro e inglés, pero non en lingua galega. Tampouco parece entrar nos plans máis inmediatos da empresa incluír nos seus andeis libros en galego nin cambiar a súa rotulación comercial, que hoxe en día só está en castelán.
Esta parece ser a política que seguiu tamén a multinacional sueca para a contratación de persoal na Coruña xa que a empresa non tivo en conta a lingua galega como un valor engadido no seu proceso de selección. De feito, o formulario web que os candidatos a traballar en Ikea da cidade herculina non incluía ningunha opción para achegar coñecementos de galego.
IDIOMAS
Polémicas en Cataluña e País Vasco
Aínda que hoxe en día o catálogo e a rotulación da maioría das tendas que Ikea ten abertas en Cataluña e no País Vasco se poden ler en éuscaro e catalán, esta situación non foi así dende o comezo. De feito, a implantación destas linguas nestas superficies comerciais chegou a xerar polémicas nestas comunidades autónomas.
A comezos deste ano, a Axencia Catalá do Consumo, dependente da Generalitat, multou a Ikea con 8.000 euros por non etiquetar diversos produtos industriais, alimentarios e téxtiles, "polo menos, na lingua española oficial do Estado".
O ano pasado, denunciaban que a corporación multinacional sueca suprimira a versión en catalán das páxinas web dos centros da corporación en Hospitalet e Badalona. Algo que finalmente se subsanou pero, en cambio, hoxe en día a web de Barakaldo, no País Vasco, está en castelán.
Unha actitude contraditoria da compañía de decoración que ten todos os libros expostos nos mobles de libraría en lingua sueca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario