12 de out. de 2010

Lingua-desobediencia (Noticia que sae en Galicia Confidencial)

Lingua-desobediencia

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/6371.html

Un, ás veces, pensa que está só na cova dos soños. Sucede cando observas como persiste unha curiosa mestura de resignación e indiferenza nos teus semellantes.

Por Xabier Ron Santiago 06/10/2010


Pode acontecer, por exemplo, nun Claustro de docentes, cando toca votar e valorar un escrito en apoio da desobediencia civil de certos profesores que queren seguir dando as súas clases en galego. Só apoiar, convén insistir. Xa non é que as votacións sexan minoritarias nese apoio, para tristura nosa. O máis triste son os argumentos que se escoitan para xustificar o non apoio, para xustificar mesmo que non se vote, para xustificar, en fin, a imposta supremacía dunha lingua sobre a outra.

Triste. Os pensamentos xa non sobrevoan a gaiola de aceiro en que se converteu o noso sistema administrativo: permanecen dentro, ao abeiro da maioría....esa “maioría silenciosa” na que se basea a dereita e que un non sabe xa que pensa...porque non quere expresar o que pensa.

Non se trata de siglas políticas. Facer isto é terriblemente negativo. Trátase da nosa lingua, da nosa cultura, forma parte da identidade plural e intercultural na que nos recoñecemos (ou debemos recoñecernos). Hai escasos días lía un denso libro, pero moi interesante e acaído, sobre a competencia plurilingüe e intercultural (Manuel González Piñeiro / Carmen Guillén Díaz / José Manuel Vez, Didáctica de las lenguas modernas. Competencia plurilingüe e intercultural, Síntesis, Madrid, 2010). E coincido cos autores en que o que se fai hoxe en día no sistema educativo non obedece nin a plurilingüismo nin a intercultural. Todo vira a favor do globish (ese inglés globalizador que, como lingua franca, coloniza todo ao seu paso, do mesmo xeito que o neoliberalismo coloniza os nosos sistemas públicos de benestar privatizándoos). Só hai que ver o enorme desequilibrio existente entre o número de auxiliares de conversa que se destinan a inglés e os que se destinan a outras linguas. Sabemos moi ben que detrás do fastuoso título do decreto da era Feijóo-Vázquez-Lorenzo está unha campaña a prol do inglés...perxudicando ás demais, e enfatizando que, como interlocutora privilexiada dese globish, está só o castelán. Semella que estes sabios non leron as recomendacións da Comisión Europea que en 2005 advertía que había que rematar coa sinonimia entre “aprendizaxe de linguas estranxeiras” e “aprender inglés”.

As linguas non se poden confrontar. Hainas que preservar. Hainas que falar. Hainas que dotar de relevancia comunicativa nos múltiples eidos da vida social. E niso, o galego, está en retroceso e desigualdade fronte ao castelán. E, desde logo, hainas que introducir de forma plena no currículo educativo. E non só como competencia lingüística. Hai que abrir o enfoque e abrir as perspectivas para que sexa realmente plurilingüe e para que sexa algo máis que coñecemento das “interioridades” dunha lingua, para que sexa un ensino/aprendizaxe intercultural. A este enfoque non obedece , desde logo, estigmatizar o uso dunha lingua coa súa circunscrición a un eido determinado, eido do que, ademais, quedaría afastada a outra lingua (no caso do galego, as matemáticas, a física e química, e a tecnoloxía serían materias non aptas para ser ensinadas e aprendidas en galego).

Estas tácticas e estratexias representan o triunfo das ideas negacionistas (“négome a aprender galego”, “négome a usar o galego”) de certos grupos que todos coñecemos. Fronte ao negacionismo, defenderemos a afirmación. A desobediencia civil é un acto individual que se opón a unha norma considerada inxusta. Por exemplo, Sarkozy, sendo ministro de interior, quixo expulsar aos nenos e nenas inmigrantes porque os seus pais e nais estaban en situación administrativa irregular, o corpo de docentes e as direccións dos centros educativos franceses (nunha gran maioría) negáronse a facilitar os datos de matriculación. Practicaron a desobediencia civil. Ou lembremos: cando se practicaba o segregacionismo na vida pública norteamericana –avalada polas normas-, unha muller, Rosa Parks, alentou a desobediencia civil de forma pacífica sentándose nun autobús nunha cadeira destinada –pola norma- a unha persoa non negra. Os posteriores actos de insubmisión da poboación negra a unha norma inxusta deron finalmente os seus froitos. A norma tivo que cambiarse. De que temos medo?

Ningún comentario:

Publicar un comentario