- A Mesa considera as sentenzas do TS sobre o catalán no ensino “unha mostra evidente de involución lingüística”
A asociación que preside Carlos Callón pensa que a actual situación lingüística en Galiza é só “un banco de probas” dun proceso “liquidacionista” da diversidade lingüística e cultural que se estende a todo o Estado
A Mesa valora con preocupación o contido das tres sentenzas do Tribunal Supremo sobre o uso do catalán como lingua vehicular do ensino en Cataluña dadas a coñecer no día de onte, ao tempo que rexeita o “espírito de fondo” das mesmas, na liña do denunciado polo movemento normalizador catalán, por constituíren “un ataque á convivencia e a cohesión social” do Principado, ao tempo que ás competencias propias que en materia de ordenación do sistema educativo teñen as comunidades autónomas.
Para a entidade cidadá presidida por Carlos Callón, estas resolucións xudiciais do Alto Tribunal inscríbense nunha “evidente ofensiva de involución contraria a calquera diversidade lingüística e cultural do Estado”, promovida polos sectores sociais e políticos “nostálxicos dun estado centralizado e centralizador, negador de calquera pluralidade lingüística, cultural e territorial”.
A Mesa xa advertiu da involución na política lingüística aplicada en Galiza polo actual goberno do Partido Popular na Xunta como “un banco de probas” inserido “nun proceso involutivo máis amplo” que ten como seguinte destino as Illes Balears, onde o candidato popular concorre ás eleccións autonómicas do vindeiro mes de maio coa pretensión pública de “tombar” a política lingüística que, con anterioridade, este mesmo partido iniciara desde o goberno autonómico.
A Mesa lamenta que o Supremo, facendo valer unha posición de “tribunal plenipotenciario”, pareza avalar con estas sentenzas “o maior retroceso xurídico-lingüístico das últimas tres décadas”, cuestionando un modelo educativo como o catalán, amplamente avalado tanto polos seus resultados concretos como pola lexislación internacional e contradicindo xurisprudencia anterior, como a coñecida Sentenza TC 337/1994, do Tribunal Constitucional, que ratificou a plena constitucionalidade do modelo de inmersión lingüística no ensino.
Ningún comentario:
Publicar un comentario