2 de xan. de 2011
X.A.Pérez Lema, reflexiona (no Xornal)
Definitivamente, hailles maxistrados do Tribunal Supremo que teiman en facermos imposíbel a convivencia plurinacional e plurilingüística entre cidadáns españois. Ou será que cada vez élles máis difícil entrar polo ollo da agulla do pensamento único co que mesmo maxistrados e profesores de Dereito Constitucional adoitan interpretar a Constitución, como se os pobos do Estado fosen para a Constitución e non a Constitución para os pobos do Estado.
O Tribunal Supremo non é quen, xuridicamente, para deixar de aplicar a Lei de Educación de Catalunya sen antes propoñer a cuestión de constitucionalidade perante o Tribunal Constitucional e agardar pola súa resolución. Mais semella que vivimos tempos nos que os Estatutos e as leis autonómicas poden ser vulnerados (e con eles a Constitución que din defender) para acadar esa fonda e extensa modificación constitucional recentralizadora que amplos sectores do PP e do PSOE, mais tamén da Universidade, da xudicatura e da opinión publicada degoiran dende hai anos, sen se atrever a propoñela pola vía esixida na propia Constitución.
Se para isto hai que entender derrogados ou inconstitucionalmente limitados os dereitos galego, catalán e vasco ao autogoberno ou os de defender e normalizar cadansúas linguas nacionais, non importa. Trátase dun proceso que conecta, tamén, co dominio empresarial e mediático. E que vulnera a esencia do pacto constitucional do 1978 con Galicia, Catalunya e Euskadi, encarnado no artigo 2 e na Disposición Transitoria 2ª da Carta Magna
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario