Un traballo de investigadores de Física e Matemáticas da USC sobre o bilingüismo recibe o recoñemento do Technology Review do Massachussets Institute of Technology
O texto, do que son autores Jorge Mira, Juan Nieto e Luís Seoane, publicarase na revista New Journal of Physics
Actualizada: 25-01-2011 13:20
Comparte esta noticia en Chuza! Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
A imaxe amosa a evolución histórica do número de falantes en galego, castelán e bilingües e a súa proxeción cara o futuro
A ‘Importancia da similaridade interlingüística e bilingüismo cando dúas linguas compiten’ é o título do artigo, elaborado por un grupo de investigadores de Física e Matemáticas da USC encabezado polo Profesor do Departamento de Física Aplicada Jorge Mira, elixido Mellor Idea do Día entre os artigos postos no Physics ArXiv (http://arxiv.org/abs/1006.2737) polo Technology Review do Massachussets Institute of Technology (MIT). Trátase dun foro no cal científicos de todo o mundo, de distintas disciplinas, adiantan as primeiras versións dos seus artigos e que conta cunha grande difusión.
O texto, que será publicado na revista New Journal of Physics, está asinado por un equipo que integran, ademais de Jorge Mira, o profesor do Departamento de Análise Matemática Juan Nieto e o investigador Luís Seoane, que actualmente se atopa nunha estadía no Bernstein Center for Computational Neuroscience de Berlin.
O documento amosa que é posible a coexistencia das dúas linguas, sempre e cando se produzan certas condicións, como que exista unha certa distancia entre as mesmas e existan certas condicións dos seus estatus.
De feito, o artigo está na liña de investigación iniciada hai cinco anos polo profesor do Departamento de Física Aplicada da USC sobre a coexistencia de dúas linguas nun mesmo territorio como é o caso do galego e o castelán. Así, nun artigo do ano 2005 na revista Europhysics Letters, Jorge Mira xunto a Ángel Paredes, formulara un modelo matemático que reproduce a evolución histórica do número de falantes de galego e castelán, ao tempo que proporcionaba un xeito de medir a distancia entre ambas linguas.
Como resultados das simulacións, os investigadores alertan sobre a posición de perigo do galego, aínda que a situación galego-castelán está preto das condicións de estabilidade que permitirían que a lingua galega sobrevivise no futuro, segundo este estudo. Esta simulación pode consultarse a través do link http://www.youtube.com/watch?v=q65k60tNVRo .
Ningún comentario:
Publicar un comentario