13 de xan. de 2011
Lidia Senra na defensa do noso agro en Europa
Lida Senra defende en Bruxelas unha reforma da Pac que pase pola soberanía alimentaria e a regulación dos mercado
Este mércores celébrase en Bruxelas unha reunión de especial transcendencia para o campo galego. Os grupos consultivos que van debater as novas propostas de política leiteira e de Política Agraria Común da Comisión Europea sentan a dialogar, e escoitarán a proposta da representante da Coordinadora Europea da Vía Campesiña, a sindicalista galega Lidia Senra.
A que foi secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego durante 18 anos defendeu na capital belga unha reforma profunda da Pac que estea baseada no dereito á soberanía alimentaria dos pobos, no marco "dunha produción sustentable, segura, nutritiva, variada e adaptada ambiental e culturalmente". Así mesmo, a Vía Campesiña esixiu que se regulen os mercados agrarios para terminar co contexto actual de prezos "de miseria" que están a sufrir todos os sectores produtivos "e que están a provocar o peche de miles de explotacións agropecuarias cada ano".
"O resultado de continuar cunha Pac cuxo obxectivo é desregular o mercado", advertiu Lidia Senra, "coñecémolo o suficiente: prezos agrarios á baixa, miles de millóns do erario público en axudas para que os campesiños poidan sobrevivir malvendendo o produto do seu traballo a prezos por baixo dos custos de produción, e as multinacionais e grandes distribuidoras da alimentación amasando beneficios millonarios grazas aos nosos impostos e ao esforzo das explotacións". é o que describiu a sindicalista como "a fórmula perfecta" para que na Unión Europea e en Galicia continúen botando o peche miles de explotacións e se desertice "aínda máis" o medio rural.
(en De Luns a Vernres)
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario