7 ene. 2011

O domingo temos cita


Membros de Ríos con Vida, grupos ecoloxistas, pescadores deportivos, promotores do desenvolvemento rural e amantes dos ríos e da natureza manifestaranse este domingo, 9 de xaneiro, ás 12:00 da mañá, ó pé da presa do encoro da Capela pola recuperación do Eume. Cúmprense un ano da denuncia posta pola asociación Ríos con Vida por mor da desecación do Eume por parte de Endesa e mentres se segue esperando a que "se faga xustiza", os manifestantes lembrarán esta fin de semana os danos causados ó río e lerán un manifesto.

No texto, titulado "O Eume: Medio século desecado", denuncian que este río leva cincuenta anos "arruinado pola vella cultura da auga". "Antes de que existise esta presa, o Eume era un río cheo de vida. Había nel unha canle viva e os salmóns e reos vivían no tramo que Fenosa no seu día, e agora Endesa, desecaron desde hai máis de cincuenta anos", aseguran. Por que? Segundo Ríos con Vida, por "unha falta total de sensibilidade e de interese na conservación do medio", pero tamén "porque os que tiñan que velar pola boa conservación do río permitíronllo, como permiten novos danos", como o "enchido das minas das Pontes, verteduras acedas e unha nova explotación mineira", e tamén "porque os cidadáns permanecemos pasivos, aceptando os feitos consumados e mirando, resignados, o leito do río seco".

Ríos con Vida naceu coa vocación de defender os ríos das tropelías que sofren, utilizando para iso o traballo dos seus socios e a Lei que moitas veces os poderes públicos non velan o suficiente para que se cumpra.

Esta organización denunciou a Endesa hai un ano por secar o Eume e agora lémbrano "para que as reivindicacións da cidadanía en defensa dos ríos non caian no esquecemento, para que os malintencionados, os prevaricadores e os que regalan os nosos ríos saiban que estamos vixiantes e para que nunca máis se abuse das veas da nosa terra, do país dos mil ríos, dunha forma tan indigna", din no manifesto, no que advirten que pronto lles tocará tamén "ó Xallas, ó Sil, ó Umia e a outros ríos", mentres "os que lles extraen beneficios" non o fagan " nunhas condicións dignas para o río e os seus moradores, e deixen de burlarse da cidadanía".

Endesa, detrás deste desastre

Ríos con Vida denunciou pola vía penal no 2010 a Endesa ante a Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG. Acusa a eléctrica de desecar o río durante os últimos 50 anos. Segundo o informe remitido á Fiscalía e redactado por Mark Adkinson "a presa propiedade de Endesa mantén secos 3,4 quilómetros", entre o muro da presa e a central eléctrica onde se turbinan as augas. Para a asociación, os feitos poden ser constitutivos de "delito contra os recursos naturais e o medio".

No hay comentarios:

Publicar un comentario