16 de xan. de 2011

O galego transfronteirizo precisa protección


O Fiscal Superior de Galicia pide á Xunta que protexa o galego nas fronteiras

O Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, instou á Xunta de Galicia a alcanzar acordos coas autoridades do Principado de Asturias para protexer e fomentar o uso do galego nas comarcas trasnfronterizas da comunidade, como as do Eo-Navia.

Varela afirmou que existe unha "total desigualdade xurídica" entre as persoas que falan galego en Asturias, León e Zamora e as que empregan este idioma en Galicia, ao non coincidir os límites administrativos e os lingüísticos na parte oriental do galego. Mentres na comunidade, o Estatuto de Autonomía establece a coficialidade entre o galego e o castelán, as zonas limítrofes non dispoñen de "ningún dereito legal ao uso da súa lingua".

Así, o Fiscal Superior de Galicia recordou durante a súa intervención nunhas xornadas sobre a situación sociolingüística das comarcas do Eo-Navia (celebradas na Fonsagrada, en Lugo) que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, insta á Xunta a negociar cos gobernos autonómicos do Principado de Asturias e a Junta de Castela e León a promoción do galego nos seus territorios. Varela inclusó recomendou ás autoridades das tres autonomías "crear organismos comúns con tal finalidade". O plan de normalización menciona ademais a posibilidade de aumentar a presenza da radio e a televisión galegas nas comarcas transfronteirizas e recuperar a toponimia da lingua.

Segundo asegurou Carlos Varela, este debe ser o camiño a seguir nas áreas que administrativamente non corresponden a Galicia, pero onde o galego "tamén é lingua propia". Desta forma, o fiscal estima que se pode evitar "o perigo de substitución e de desaparición desta variedade lingüística que aínda permanece viva no pobo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario