..." moitas persoas aducían e aducen como motivo para non usaren normalmente o idioma de Galiza argumentos como que "o galego sempre está a cambiar", polo que -supostamente- se carecería dun referente de corrección claro e estábel. O galego sería, así, un idioma de laboratorio, en directa comparación co español, tan limpo, tan fixo, tan esplendoroso. E, sobre todo, tan natural.
O argumento, na realidade, é un prexuízo que responde ao resultado dunha realidade social inxusta, que bebe da exclusión secular do galego de moitos ámbitos de poder e cultura nos cales se fai necesaria a fixación dun estándar. A incomunicación de Galiza cos outros territorios do seu sistema lingüístico, especialmente o veciño e normalizado Portugal, é tamén chave para entendermos como chegamos até aquí. Mais non vaiamos moito para atrás no tempo e pensemos un pouquiño na máis estrita actualidade.
Os medios de comunicación informáronnos abondosamente nas últimas semanas da última reforma da ortografía do español: mudanza de denominación de letras (de y griega a ye, é a máis rechamante), mudanzas na acentuación de moitas palabras habituais (solo, guion, guie, truhan, esta, hui, riais...) e na grafía doutras cantas (Catar, cuórum, seudo, posdata...). Ademais, sen que tal duplicidade causar escándalo, o conxunto da poboación soubo tamén que había algunhas destas formas que agora se oficializan que a Real Academia Española xa as levaba utilizando nas súas publicacións desde 1960. No entanto, neste tempo todas as nenas e todos os nenos poderían ver reducida a súa puntuación nos exames escolares se escribían dese xeito. Mais hai alguén que diga que vai deixar de usar o castelán por ese motivo? Evidentemente: non..
......................................................................................................................................................................
Dende IMOS INDO engadimos: a razón da perda do til en truan, é o acordo con outros países, pois ben sabemos que en España pronúnciase en dúas silabas.Imaxinades que dirían algúns aos que isto non parece molestarlles ,se nalgunha palabra do galego chegásemos a un acordo co portugués?
Ningún comentario:
Publicar un comentario