8 ene. 2011

"Xornalistas con opinión" (nova tirada do Xornal)


“Vinte biografías de escritores e escritoras que chegaron ao xornalismo a través da creación literaria e configuran a crónica apaixonada e lúcida do que arestora somos”. Así se presenta o segundo volume de Xornalistas con Opinión, un libro publicado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Editorial Galaxia que recolle a labor profesional destes literatos que axudaron a construír o xornalismo en Galicia.

Trátase dunha obra na que se permite que o lector se aproxime ás obras destes persoeiros da cultura que nos albores do xornalismo non tiveron reparos en expresar as súas opinións a través de revistas e diarios, para acabar compoñendo unha particular mirada sobre a Galicia do seu tempo. Compromiso e loita. Liberdade e modernidade. Todo iso se puido ler das plumas e máquinas de escribir destes vinte escritores. E como a historia sempre se comeza polo seu inicio, Xornalistas con Opinión revela ao gran público o home que se considera o primeiro xornalista galego. Chamábase Diego Antonio Zernadas y Castro e era o cura de Fruíme (parroquia do concello coruñés de Lousame). O escritor e periodista Xosé Manuel Rivas Trotiño traza a súa biografía, na que se destaca a súa labor como precursor do galeguismo aló por mediados do século XVIII.

Se Zernadas foi o precursor do galeguismo xornalístico, Manuel Murguía encargouse con todas as súas iniciativas editoriais de darlle no século seguinte a alternativa, xenerando unha inxente cantidade de textos e publicacións que o definiron como “un polemista destemido”, como sinala o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Case ao tempo que Murguía se erixía en director de numerosas publicacións, Valentín Lamas Carvajal fundaba El Heraldo Gallego e, posteriormente, a primeira publicación periódica de Galicia, o Tío Marcos da Portela.

O relevo dos primeiros pasos do galeguismo recolleunos Castelao, que en páxinas como as de A Nosa Terra, reflectía os sentimentos rexionais a través da súa gráfica pluma, mentres Pedrayo comezaba a asinar en publicacións tan importantes na época como Galicia, fundada e dirixida por Valentín Paz-Andrade e Blanco Amor crea Terra, a revista que defende a ideoloxía das Irmandades da Fala e que se constituíu no primeiro xornal “cheo de modernidade que se confeccionou na Terra”, segundo sinalou Villar Ponte no seu tempo.

Chegados ao século XX aparecen figuras como a de Augusto Assía, recoñecido como un dos xornalistas galegos con maior proxección internacional, ou Victoria Armesto, unha xornalista “que soubo abrirse paso nunha sociedade doutro tempo, onde non era precisamente fácil que unha muller triunfara en Galicia”, segundo sinala no capítulo dedicado á súa vida o director de Xornal de Galicia, José Luis Gómez.

E canda todos eles, homes e mulleres como Neira de Mosquera, Rosalía de Castro, Lois Peña Novo, Mercedes Vieito Bouza, Rafael Dieste, Domingo Quiroga, Plácido R. Castro del Río, Manuel Meilán, Lois Tobío, Xosé María Castroviejo ou Lorenzo Varela, que coas súas palabras axudaron a construír un xornalismo galego e na lingua de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario