A Xunta predica co exemplo
A CIG-Ensino denuncia que a Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra enviou ao colexio de Randufe en Tui material só en español para a nova aula de infantil. O Xefe Territorial xustificou o envío do devandito material, unha ducia de libros e varios xogos para adquisición da lectoescritura, botando man dos resultados da enquisa realizada aos pais e nais sobre a lingua materna dos nenos e das nenas.
Desde a CIG-Ensino, denunciamos a tersiverxación que se pretende facer cos resultados destas enquisas que a Consellaría de Educación ten ocultos, pois despois de estes resultados seren reclamados pola CIG-Ensino en todas as Mesas Sectoriais habidas neste curso, a Consellaría segue sen dar unha resposta a esta petición. No seu día, xa denunciamos a intencionalidade deste proceso, pois tal e como se realizaba podía dar lugar ao incumprimento dos dereitos lingüísticos do alumnado e, por tanto, da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, ademais de que non ía dar conta de cal é a lingua do contorno familiar do alumnado, xa que só se preguntaba sobre a lingua materna do neno ou da nena, sen especificar que criterios se debían ter en conta para estabelecela. En definitiva, denunciabamos que estabamos ante un proceso que podía dar lugar a unha situación que non se corresponde coa realidade. E agora encontrámonos con que a Consellaría utiliza eses datos terxiversados para estabelecer o material que enviará aos centros. Todo isto comprobámolo no caso concreto aludido, onde os resultados da enquisa discriminan o galego, precisamente nunha parroquia rural dunha comarca, o Baixo Miño, en que o uso do galego é predominante.
Así as cousas, preguntámonos se a ocultación dos datos da enquisa por parte de Educación obedece a que pretenden utilizalos exclusivamente para o seu interese que, como estamos comprobando día tras día, se concreta na redución da presenza do noso idioma nas aulas.
Cabe sinalar que, mesmo no caso de que os resultados da enquisa sexan maioritariamente que o alumnado utiliza cos seus proxenitores o español, sempre hai, nas aulas, alumnado galego falante. Ademais, para que as nenas e os nenos adquiran progresivamente o noso idioma deben recibir, polo menos, unha parte do ensino en galego, por máis que a lingua maioritaria non sexa o galego e porque ese é o seu dereito como estabelece a Declaración Universal dos Dereitos lingüísticos.
Unha vez máis, comprobamos o interese desta Administración na españolización descarada do alumnado galego e o seu rexeitamento de todo o que nos é propio, pois o envío de material exclusivamente en español non só é inaceptábel desde o punto de vista da formación do alumnado que, mesmo sendo galego falante, ten dereito a recibir ensino en galego, senón que é unha práctica que non apoia a industria editorial galega que ve así minguados os seus recursos.
(en Terra e tempo)
Ningún comentario:
Publicar un comentario