A Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse onte ao presidente da Xunta, á presidenta do Parlamento e ao presidente de Movistar para que "adopten as medidas precisas para que esta compañía que recibe millóns de euros de diñeiro público galego comece a respectar os dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos".
Carlos Callón tamén enviou unha carta ao secretario xeral de Política Lingüística, "pois este departamento da Xunta ten un convenio asinado con esta empresa, mais esta continúa a vulnerar o dereito a obter información en galego á súa clientela". Entre outras denuncias, A Mesa lamenta que "toda a publicidade de Movistar é en catalán en Cataluña, mais aquí exclúe o idioma propio" e lembra que, malia que Guillermo Ansaldo, presidente de Telefónica, se comprometera coa Mesa en 2008 a introducir o galego na súa web, esta continúa a ter opcións só de castelán e de catalán.
Ademais, "os servizos de atención para profesionais e empresas exclúen o galego: só están dispoñíbeis en castelán, catalán, inglés, francés, italiano e alemán". Así, dáse a circunstancia de que todas as liñas oficiais do Goberno galego e do Parlamento galego non poden realizar ningunha xestión con Movistar no idioma que o Estatuto de autonomía recoñece como "lingua propia", a promover e defender.
Así mesmo, a entidade presidida por Carlos Callón observa que "nos poucos servizos que teñen atención en galego (como apoio técnico e avarías), este aparece secundarizado, sendo unha opción que só se pode escoller cando a xestión está mediada, despois de pasar por varios atendedores automáticos exclusivamente en castelán".
"Noutros casos, os servizos en galego só son teóricos. Por exemplo, no teléfono 1004, que é o servizo xeral de atención telefónica, é habitual que non haxa persoal dispoñíbel para falar en galego, polo que se anima a chamar máis tarde de forma incesante", denuncian.
afortunadamente, hoxe existe alternativa. R é unha compañía propia (por agora), que da un servizo excelente, no noso idioma, tanto en telefonía fixa como móbil e tv., e a Movistar, xa o podemos pousar, onde merece, no fondo do cubo do lixo (e tamén facemos algo de xustiza).
ResponderEliminarunha aperta