1 de feb. de 2011

Nacen novos partidos , para aqueles que sendo de dereitas ou de centro, son ante todo galeguistas, e polo tanto non tiñan a quen votar

Converxencia XXI presenta en Santiago a súa primeira candidatura

 

Por Galicia Confidencial
O profesor Fernando del Río encabezará a lista de Converxencia XXI ás eleccións municipais por Santiago de Compostela. É a primeira candidatura confirmada de Converxencia XXI  a unha das cidades galegas.
Os primeiros nomes da lista que arroupará a Fernando del Río daranse a coñecer nas vindeiras semanas, segundo anuncia esta formación liberal e galeguista nun comunicado.
Fernando del Río, nado en Ordes en 1968, é doutor en Economía na Universidade Carlos III de Madrid, e profesor na Facultade de Económicas de Santiago de Compostela.  É ademais vicepresidente de GALIDEM, a Asociación Galega pola Liberdade e a Democracia, unha asociación pertencente á federación de fundacións liberais de Europa.

Nas vindeiras semanas Converxencia XXI asegura que irá avanzando na organización da campaña electoral coa presentación do resto do equipo que formará a candidatura e coa publicación das liñas básicas do programa.
"A nosa intención é presentar candidaturas sólidas que respondan á orientación de Converxencia XXI. Non ten sentido presentar listas por presentar, senón por ofrecer unha verdadeira alternativa aos cidadáns", sinalou Carlos Vázquez Padín, líder da formación centrista. Trátase das primeiras eleccións locais ás que se presenta Converxencia XXI.

Ningún comentario:

Publicar un comentario