A CANDELORIA
a festa da luz e día do amor nos antigos costumes galegos
A Candeloria é unha festa relixiosa que se celebra o día 2 de febreiro. Consiste na bendición das candeas que despois serían utilizadas na celebración da Semana Santa (máis exactamente o xoves santo). Pero en Galicia ademais era considerada a data coma un preludio da chegada da primavera e con ela o renacer da natureza. Dicíase que era a época do casamento dos paxaros e para os mariñeiros tamén era o comezo da navegación despois da longa espera no período invernal no cal a maior parte das embarcacións non saían dos portos.
Noutros tempos estas candeas eran utilizadas para ser postas nas mans dos moribundos coma símbolo de protección cristiá no tránsito á outra vida. Neste día, o crego bendí-las velas ou candeas que os fieis manteñen acesas durante a misa e que logo levan para a casa. A estas candeas bendicidas atribúenselle poderes coma ós de calma-las treboadas e alumea-lo camiño das almas que deixan este mundo.
Pero a orixe desta festa, coma a doutras moitas celebracións cristiás, é pagá. Era a antiga “festa da luz” , celebrada polos celtas e tamén polos romanos. (Galicia Espallada)
Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola.
Pola Candelaria, inverno fóra; se chove ou venta, inda entra.
Pola Candeloria, metade do inverno fóra; e se chove e fai vento, metade fóra e metade dentro.
Pola Candeloria pon a pita vella e a nova.
Polo santo Antón toda galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
Que a Candelaria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está pasado e a metade está por pasar.
Se a Candelaria chora, o inverno está fóra; se ri, aínda está por vir
O día da Candelaria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra.
Se a Candelaria empola, o inverno vai fóra.
Se a Candelaria chora, o inverno xa vai fóra. Se a Candelaria rí, o inverno está por vir; pero que ría e que cante hai inverno para tras e para diante.
(As miñas historias)
Ningún comentario:
Publicar un comentario