18 de mar. de 2011

Adega opina sobre a enerxía nuclear (Terra e Tempo)

17 de marzo de 2011. Dende ADEGA quereros expresar a nosa solidariedade co pobo xaponés afectado polo terremoto e posterior tsunami e logo polo gravísimo accidente nuclear de Fukushima. Destas tres catástrofes, só unha ten unha orixe non natural, e portanto, puido evitarse. Mais a inconsciencia e a cobiza dun sistema que persiste en promover a enerxía nuclear desprezando os riscos que comporta, e que non dubida en hipotecar a saúde do planeta polo beneficio económico inmediato, fainos tamén a nós en tanto que integrantes dese sistema, responsábeis e ao tempo vítimas da catástrofe. Exerzamos pois a nosa responsabilidade e comecemos por demandar dos nosos governantes a fin da era nuclear, comprometendo o peche das actuais centrais para antes de 2020.
Ao fío deste lamentábel accidente, reavívase de novo na sociedade e no estamento político a preocupación pola enerxía nuclear. As organizacións ecoloxistas nunca agardamos por unha catástrofe para poñer sobre a mesa o debate sobre a enerxía nuclear.  Sobran argumentos para desmontar as patrañas do lobby atómico e dos seus factotums políticos, que agora, fronte aos gravísimos sucesos de Fukushima, recollen velas e suavizan a súa posición co fume da demagoxia e os tecnicismos.
Eis dez razóns que os ecoloxistas de todo o mundo temos para rexeitar o uso da enerxía nuclear, nun formato de fácil dixestión para políticos e ex-presidentes, de retiro nos consellos de administración dalgunhas eléctricas:

1. A enerxía nuclear é inmensamente destrutiva e perigosa: Harrisburg (1979) Chernóbil (1986) e agora Fukushima, amosan claramente as posibilidadees destrutivas desta fonte de enerxía que por si soa, pode hipotecar o futuro do planeta por moitas xeracións.
2. A enerxía nuclear non é unha enerxía limpa, ao contrario, é das máis suxas: os refugallos perduran durante milleiros de anos e a súa xestión e tratamento aínda non están resoltos.
3. A enerxía nuclear é a máis insolidaria: cria menos postos de traballo que as renovábeis, privatiza os beneficios e deixa nas mans públicas os custos de desmantelamento e xestión dos refugallos, así como os riscos xerados no seu funcionamento e no almacenamento dos refugallos durante milleiros de anos.
4. A enerxía nuclear non é a máis barata, ao contratrio, é moi cara: é un sumidoiro de axudas públicas dende a construción, pasando polo seu mantemento e tamén para a xestión dos refugallos. Por se non fora pouco, mesmo lles pagamos ás eléctricas por non facer máis centrais (moratoria nuclear) através do recibo da luz.

5. A enerxía nuclear non é necesaria: de haber vontade política é posíbel substituila polas renovábeis e promover o aforro e a eficiencia, como fixeron países como Alemaña ou Suecia (que cumpren con Quioto), mentres que Franza, cun enorme parque nuclear, non.

6. A enerxía nuclear non é pois a solución ao cambio climático: no seu ciclo de vida (extración, transporte, construción, desmantelamento das centrais, xestión dos refugallos, etc.) emítense máis GEIS que coas renovábeis.

7. A enerxía nuclear non da a suficiencia enerxética, ao contrario, cria máis dependencia: o uranio é un recurso escaso localizado en poucos xacementos no mundo. O estado español importa practicamente a totalidade do uranio doutros países para as súas centrais, polo que a dependencia que por exemplo co carbón.

8.  A enerxía nuclear non é renovábel: as reservas de U-235 son finitas e esgotaranse nunhas poucas décadas.

9. A enerxía nuclear é rexeitada pola inmensa maioría da sociedade: por que entón os principais partidos políticos teiman en defendela?

10. A enerxía nuclear non é sustentábel: non é eficiente eonómicamente, nin solidaria socialmente, nin os custos e riscos ambientais son asumíbeis.
En 2006,  o Parlamento Galego aprobou coa unanimidade dos tres grupos, unha Proposición non de Lei que declaraba Galiza como territorio desnuclearizado. Agora tócalles ás forzas políticas estatais, tanto do governo como da oposición, acadar un compromiso inequívoco para abandonar o uso da enerxía nuclear, prohibindo por lei a construción de novas centrais e pechando as existentes denantes de 2020.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario