15 de mar. de 2011

O elo municipal (Galicia Hoxe)


Os Servizos de Normalización reclámanlles aos partidos que inclúan nos seus programas municipais impulsar a profesionalización

A Coordinadora dos servizos de normalización mantén unha notable actividade asemblearia nos últimos meses FOTO: AXENCIAS
A coordinadora dos servizos de normalización mantén unha notable actividade asemblearia nos últimos meses
FOTO: AXENCIAS

Os Servizos de Normalización Lingüística (SNL), un dos elementos máis afectados polos cambios intoducidos no fomento do idioma galego tras a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta, reclaman presenza no programa electoral dos partidos políticos de cara aos próximos comicios municipais. Onte mesmo, a coordinadora que aglutina os profesionais dos SNL, fixo un chamamento ás formacións para que inclúan nos seus programas a creación ou potenciación de servizos de normalización lingüística (SNL) dotados de recursos humanos e orzamentarios, para promocionar o uso e prestixio do galego en todas as accións do concello e en todos os ámbitos do municipio

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) tamén lles fará a proposta adaptada para cada unha das sete cidades a todos os candidatos e a todas as candidatas á Alcaldía.

Segundo a entidade a normalización lingüística é un proceso social que procura "ao abeiro da lexislación vixente, a xustiza no ámbito sociolingüístico, para que os galegos poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que só nos pode dar a lingua propia do noso territorio". Nese sentido, consideran que "é responsabilidade de todos e de todas contribuírmos para manter a diversidade e a riqueza lingüística e cultural do mundo, para que poidamos chamarlles ás cousas cos nomes xenuínos que aquí se lles deron".

Por estas razóns, sinalan, "as administracións teñen a obriga legal e a responsabilidade social de apoiar e promover a lingua galega".

Como se indica na proposta que a CTNL lles enviou ás distintas organizacións, "para desenvolveren e implementaren as súas políticas en calquera ámbito, os concellos dótanse de instrumentos técnicos", así, exemplifican, "para desenvolveren a política urbanística teñen departamentos de urbanismo; para desenvolveren as políticas culturais teñen departamentos de cultura..." E no ámbito da política lingüística eses departamentos técnicos son os servizos de normalización lingüística.

Na actualidade contan con SNL arredor de 60 concellos, e na maioría dos casos, segundo subliña a coordinadora, trátase de equipos inestables, mentres que as condicións laborais dos seus traballadores e das súas traballadoras son precarias, "apenas están dotados con recursos económicos para a súa actividade e, en moitos casos, non desenvolven accións dinamizadoras entre a sociedade".

A CTNL pretende que se inclúan, entre outras medidas, "a promoción do uso e prestixio do galego en todas as accións do concello e en todos os ámbitos do municipio" e a "creación ou potenciación dun servizo de normalización estábel, dotado de recursos humanos e partida orzamentaria suficiente".

Ningún comentario:

Publicar un comentario